O Concello de Tui aprobou as primeiras 108 axudas a establecementos e persoas autónomas que estiveron sen actividade debido á pandemia
A Xunta de Goberno local do Concello de Tui aprobou a semana pasada as primeiras 108 axudas a establecementos e persoas autónomas ao abeiro do Programa municipal de axudas extraordinarias de emerxencia, Reactiva Tui. Suman un total de 93.168,45€ con axudas de até 1000 euros por solicitante destinadas a facer fronte aos gastos de aluguer do local comercial, ao investimento preciso para a transición ou optimización do comercio en liña, así coma para a incorporación das medidas de prevención establecidas, ou para acondicionar os locais comerciais á actual situación de pandemia.




