‘Cada fogar co seu composteiro’ é a nova campaña de compostaxe do Concello de Tui
O Concello de Tui reafirma o seu compromiso medioambiental coa terra e coas persoas, e faino cunha nova campaña de fomento de compostaxe tanto comunitaria como individual.
Unha equipa de persoal municipal e da empresa Servizos Medioambientais está a visitar, dende a pasada semana á veciñanza en todo o termo municipal, para achegar a quen o desexe un composteiro de xeito gratuíto, para reciclar os residuos orgánicos e obter o seu propio compost. A semana pasada as visitas desta campaña comezaron en Pazos de Reis.




