Tui celebra o Día Mundial do Medio Ambiente cun programa a desenvolver até o 19 deste mes.
O Concello de Tui celebra o Día Mundial de Medio Ambiente, que ten lugar mañá 5 de xuño, cun programa de actividades que comezou hoxe venres e se vai desenvolver até o sábado 19 deste mes. No mesmo colaboran as concellerías de Medio Ambiente e de Cultura e Educación.
Por unha parte nos colexios do municipio realízase o obradoiro escolar “Xardín Infinito” consistente en construír un sistema illado simulando un ecosistema en miniatura para observar o proceso da fotosíntese, respiración e ciclos da auga.





