Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A música tende unha nova ponte entre Tui e Valença coa Orquestra da Eurocidade

13/02/2022

Onte ofreceu o seu primeiro concerto no peche dos actos conmemorativos do décimo aniversario da Eurocidade

A orquestra da Eurocidade estreouse onte á noite no concerto co que se pecharon as conmemoracións do décimo aniversario da Eurocidade Tui-Valença. Un evento musical no que a música tendeu novas pontes entre as dúas cidades.

Interpretaron “Alborada Galega” e “Este linho é mourisco” pechando o concerto co “Himno de Europa”.

Previamente a Orquestra da Academia da Fortaleza de Valença abriu este evento musical co “Quebranoces” de Tchaikovsky, e a Orquestra do Conservatorio Profesional de Música de Tui interpretou, xunto ao Quinteto Cimarrón, “Cubalicia” de Eduardo Coma, contando coa participación tamén da cantante Irene Cerqueiro. 

No peche do evento do presidente da Cámara de Valença, José Manuel Carpinteira, desexou que esta Orquestra da Eurocidade “sexa o símbolo de unión de tudenses e valencianos”.  Indicaba "somos dous pobos, tres linguas, pero sobre todo temos un río que nos une, e unha ponte que nos une, e iso é o que nos queremos, que de aquí a dez anos, de feito, esta Eurocidade sexa un espazo de unión, de compartir…”

Pola súa parte o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, indicaba que neste “acto entrañable, emotivo e histórico… hoxe empezamos a cumprir un longo soño coma é constituír unha orquestra da Eurocidade”. Engadía que “estamos cumprindo unha serie de retos e desafíos que nos propuxemos hai xa uns anos” e afirmaba que seguirán traballando “neste proxecto común conscientes que tanto Valença coma Tui afrontaremos mellor os retos e desafíos do futuro se o facemos xuntos e unidos”.  Concluía o rexedor tudense indicando que “Tui e Valença son hoxe un exemplo para España e para Portugal , pero tamén para Europa”.