Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Xunta axudará á Eurocidade Tui-Valença a captar fondos europeos en Bruxelas

22/03/2012

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE destacou que o proxecto das Eurocidades reforza os instrumentos para captar e xestionar fondos europeos.

Desde a Comunidade de Traballo Galicia- Norte de Portugal estase a fomentar e axudar as propostas que xurdan para mellorar a cooperación transfronteiriza.

A Xunta axudará á Eurocidade Tui-Valença a captar fondos europeos en Bruxelas, segundo afirmou hoxe no Parlamento o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo.

Dende o goberno galego, estase a defender un cambio na política de cohesión territorial europea, considerando tanto os intereses portugueses como os galegos. Segundo a Comisión Europea, para o período 2014-2020, o orzamento medrará e a nosa Eurorrexión poderá acceder en mellores condicións pola previsora adaptación das súas dinámicas e ferramentas, o que significa, segundo palabras do director xeral, que o proxecto das Eurocidades é unha boa mostra desta estratexia, que reforza os instrumentos para captar e xestionar fondos europeos.

O director xeral destacou hoxe na Cámara galega que unha das prioridades da Xunta durante a presidencia da comunidade de traballo Galicia- Norte de Portugal é adaptar a estrutura da comunidade ás dinámicas de crecemento nos dez próximos anos aprobadas pola UE, e así estar mellor preparados para o escenario orzamentario post-2013.

Gamallo resaltou que dende a Comunidade de Traballo Galicia- Norte de Portugal estase a fomentar e axudar as propostas que xurdan para mellorar a cooperación transfronteiriza, coma é o caso das Eurocidades, polo que e importante animar e impulsar todos os proxectos que contribúan a construír esta cooperación de segunda xeración.

Dende o goberno galego, buscase que a Eurorrexión sexa percibida pola cidadanía como un instrumento útil e eficaz que mellora a calidade de vida e garante un futuro sustentable para as novas xeracións, o que implica o deseño e a implementación de formulas, métodos e medios para un dialogo permanente e creativo, non só institucional, senón tamén social e empresarial.

O protocolo de colaboración entre os concellos de Tui e Valença foi asinado o pasado 10 de febreiro, sendo o obxectivo destes concellos buscar unha arquitectura institucional e funcional que lles permita ofertarlle aos tudenses e aos valençanos mais e mellores servizos e novas oportunidades, e sendo unha aposta da Xunta a prol da proximidade, da integración socioeconómica e cívica.