Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Xornada Técnica sobre as axudas do programa Leader en Tui mañá xoves

12/05/2010

O Grupo de Desenvolvemento Rural da Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo-Baixo Miño, en colaboración coa Entidade Local Menor de Bembrive, convoca para mañá xoves 13 de abril ás 20.00 horas, unha reunión na Sala de Félix Rodríguez da Área Panorámica coas empresas, entidades e posibles promotores de Tui e arredores interesados en beneficiarse das axudas para o rural do Plan Leader Galiza 2007-2013.

Na reunión de Tui os técnicos do GDR18 informarán sobre o alcance destas axudas, os posibles beneficiarios e o procedemento a seguir para acadar as subvencións ao tempo que aclararán as dúbidas sobre o programa que poidan ter os interesados. Todos os interesados públicos e privados en promover proxectos que contribúan ao aumento da competitividade agrogandeira e forestal, á mellora da calidade de vida, o medio ambiente e o contorno rural  ou a diversificación da economía, poden solicitar estas subvencións a fondo perdido de ata un 45% da inversión elixible no caso de proxectos produtivos ou ata o 100% nos non produtivos. O orzamento destas axudas para o período 2007-2013 supera os 5 millóns de euros e nelas primarase a innovación,os novos xeitos de enfrontarse aos retos do territorio, a creación de postos de traballo, a fixación da poboación rural e á elevación das rendas e do benestar dos habitantes do rural, así como a valorización do patrimonio natural e cultural.

Dende o Grupo de Desenvolvemento Rural informan que xa foron máis de cen os promotores que se achegaron ás súas oficinas para informarse sobre estas axudas e xa se están a tramitar unhas 50 que contribuirán en grande medida ao desenvolvemento endóxeno e sostible do rural.

Nos derradeiros días foilles notificada pola Xunta de Galicia a aceptación de cinco proxectos que percibirán un total 745.000 euros destes fondos Comunitarios para a promoción do rural, creando emprego e permitindo a posta en marcha de novas empresas e a dotación de servizos deficitarios na comarca como un centro de día en Mos, ou centro de discapacitados en Tomiño, unha plantación de kiwis e unha empresa de xestión de Biomasa no Baixo Miño e a rehabilitación dos muiños da Salgueira en Mos.

De: www.galiciasuroeste.info