Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui acolle esta fin de semana dúas probas de remo con record de participación

22/01/2010

Tui acolle esta fin de semana dúas probas de remo con récord de participación

 

Tui acolle esta fin de semana dúas importantes competicións do mundo do remo de tal xeito que as miradas deste deporte van estar tanto o sábado coma o domingo na cidade.

    O sábado, dende ás 15.30h, vaise disputar no novo Pavillón de Deportes o Campionato de España de Remoergómetro no que van participar 224 remeiros. Este campionato ten a particulariedade de que por vez primeira haberá seis participantes de remo adaptado ou paralímpico.  Desta proba sairán os deportistas que integren a selección española de remo.

    Mentres o domingo dende ás 11.30h da mañá terá lugar a Regata Miño Internacional, Campionato de España de longa distancia e VI Copa Presidente da Deputación. Na mesma daranse cita 65 embarcacións con máis de 360 deportistas nas distintas categorías. Disputarase en dúas modalidades Oito con e Catro Scull. Cómpre salientar que por vez primeira participarán embarcacións de 8 con Absoluto Feminino.

    O remeiros sairán ás 11.30h da mañá dende Amorín, cunha diferencia dun minuto entre cada embarcación, e terán que chegar á liña de meta situada fronte ao Centro Interfederado de Remo e Piragüísmo. Percorrerán un total de seis quilómetros nunha proba moi espectacular.

    Estas dúas competicións foron presentadas onte á mañá na Casa do Concello de Tui polo Alcalde, Antonio Fernández Rocha, o Presidente da Federación Gallega de Remo, José Prada, e o Presidente do Club Remo do Miño, Manuel Landeira.

    O Presidente do Club Remo do Miño, Manuel Landeira, explicou que estas dúas competicións teñen un orzamento de 28  mil euros. Ao tempo agradecía o apoio total que dende o primeiro momento tiveron por parte do Concello de Tui, xa que  dende a Alcaldía apostouse dende o primeiro momento por conseguila. Landeira destacaba tamén o incremento na participación na Regata Miño Internacional polo atractivo dos trofeos entregados xa na edición do ano pasado e que son maquetas das embarcacións de remo feitas en China.

    José Prada, presidente da Federación Galega de Remo, fixo fincapé tamén no record de participación da regata do domingo, que segundo dicía fai historia.  Apuntaba que nunca na historia deste deporte conseguiuse reunir tantos participantes de 8 con nunha regata de fondo no río Miño. Engadía que tanto no Campionato de España de Remoergómetro coma na Miño Internacional o espectáculo está garantido.

    Por último o Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, agradeceu ao Club Remo do Miño o seu esforzo por pelexar por que estas dúas probas se poidan celebrar na cidade. Destacou tamén o apoio económico da Xunta e da Deputación xa que ao Concello en solitario lle sería difícil asumir o montante total do orzamento da competición. Fernández Rocha salientaba que estas dúas probas pódense celebrar en Tui porque conta coas instalacións axeitadas dedicadas ao remo e tamén co novo pavillón de deportes.

 

Tomado de www.galiciasuroeste.info