Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Sae a licitación a Escola Infantil de Tui

28/10/2011

O alcalde amosa a súa satisfacción por acadar esta vella aspiración de Tui

 

A Consellería de Traballo e Benestar, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, vén de licitar a obra de construción dunha escola infantil no Concello de Tui. O anuncio publícase hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG).  O novo centro infantil para nenos e nenas de 0 a 3 anos levantarase na Rúa Colón e contará con seis unidades. O prezo de licitación ascende a 650.325,04 euros e o prazo de presentación de documentación é de trece días naturais contados a partir de mañá.

Unha vez adxudicada a obra e comezados os traballos, o prazo de execución dos mesmos será de seis meses. A previsión é que o novo centro infantil poda entrar en funcionamento cara ao último trimestre do vindeiro ano.

Moisés Rodríguez Pérez, alcalde de Tui amosa a súa gran satisfacción por este anuncio que da cumprimento a unha vella aspiración do Concello de Tui que viña reclamando dende hai tempo a creación desta Escola Infantil. O rexedor tudense sinala que con este anuncio cúmprese un dos seus compromisos electorais e que no vindeiro curso escolar estará en funcionamento este centro.

No municipio de Tui existen na actualidade un total de 437 nenos e nenas entre 0 e 3 anos de idades e unicamente unha porcentaxe que se estima en arredor dun terzo, accede na actualidade a unha praza nos centros existentes de titularidade privada. A creación deste centro público se enmarca dentro das políticas que promove o Concello de Tui para lograr a conciliación entre a vida familiar e laboral e que podemos sumar ao anuncio realizado onte de que Tui contará xa neste ano cun Centro de Dinamización Integral para ás Mulleres (CEDIM) de carácter transfronteirizo.

Moisés Rodríguez Pérez agradece á Consellería de Traballo e Benestar e ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar o interese posto neste proxecto axilizando a súa tramitación para que xa no vindeiro ano os tudenses poidan dispor da oferta de prazas desta Escola Infantil. Con este anuncio, sinala o alcalde, dáse cumprimento a unha vella reclamación dos cidadáns tudenses que verán deste xeito mellorado a oferta de servizos públicos que favorecen unha mellor calidade de vida para os nosos veciños e veciñas.