Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A proposta do PEPCH sobre aparcamentos non contempla o tránsito dos vehículos polo paseo da Corredoira

29/06/2012
Así ven contemplado no estudo de tráfico que acompaña ao Pepch
 
O Concello de Tui quere clarexar aos veciños e especialmente aos asinantes dunha alegación ao Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico de Tui que a creación dun estacionamento de vehículos nas pistas deportivas do Seminario é unha medida que vai nun contexto máis amplo de reordenación dun ámbito existente no Plan co obxectivo de mellorar os espazos públicos da nosa cidade e que no propio Pepch no se establece que o tránsito deste aparcamento discorra polo Paseo da Corredoira.
 
En concreto sobre este estacionamento cómpre salientar o seguinte:
 
  • O aparcamento proposto no PEPCHA non contempla o acceso nin saída polo Paseo da Corredoira.
  • O aparcamento proposto no PEPCHA parte do acceso por Coengo Valiño e Antero Rubín (en dobre dirección), para acceder por un vial de nova apertura ata a zona de aparcamento e saída á rúa Bispo Lago continuando o tráfico por Antero Rubín e Coengo Valiño.
  • En caso de non executarse estes dous viais (de entrada e saída desta zona onde se ubicaría o estacionamento) e executar soamente un, sería de dobre dirección provisionalmente, por eso está prevista unha rotonda para permitir os xiros.
  • Por tanto o Pepch nunca prantexa un acceso polo Paseo da Corredoira, máis aínda na propia memoria do Pepch figura procurar que nun futuro este paseo sexa peonil.
  • Neste contexto foron desbotadas outras alternativas de aparcamento existentes pois implicaban o tránsito polo Paseo da Corredoira.
  • Por tanto as razóns e alternativas que aduce esta alegación están contempladas no propio Pepch.
 
Para Nicolás Lorenzo Montes, concelleiro de Rehabilitación e Conxunto Histórico esta lexitima alegación xorde por un descoñecemento da totalidade do Plan Especial que abranguen un amplo número de medidas tendentes á protección, conservación e valorización do noso conxunto patrimonial. É máis, este aparcamento é unha das medidas contempladas na reordenación dun ámbito e que, dende o respecto ao dereitos dos seus propietarios e tamén promotores desta alegación segundo figura nos medios de comunicación, impulsan a creación deste aparcamento e a dotación dun amplo parque público de 5.000 m2 neste céntrico espazo da nosa cidade. O estacionamento está pensando tanto para os residentes no conxunto monumental como para os visitantes que se achegan ata Tui, e contará con acceso peonil dende o propio Paseo da Corredoiro a través da Travesía do Seminario ou de San Domingos, que sería tamén o acceso a este novo parque público que incrementaría substancialmente as áreas verdes do centro urbano da nosa cidade.
 
O Pepch detecta unhas necesidades de estacionamento de arredor de 483 prazas (que comprende 321 derivadas de dotar a cada vivenda cun vehículo e 162 dos actuais estacionamento na zona “intramuros” que se suprimen coa peonalización do conxunto histórico). A ubicación de estacionamentos presenta moi escasas posibilidades, buscando esta alternativa que é a que presenta unha menor afección ao patrimonio e aos particulares. A posibilidade de creación de estacionamentos fóra do ámbito do Pepch non pode ser contemplada neste documento e para lograr unha zona de aparcamento o máis próxima aos lugares de residencia dos veciños do conxunto histórico optouse por esta alternativa, nas pistas deportivas do Seminario, como solución máis racional e sustentable.
 
O Pepch, reitera o concelleiro Lorenzo Montes, é unha ferramenta de protección e ordenación urbanística do conxunto histórico de Tui e que, co tempo, significará unha mellora substancial da calidade de vida na nosa cidade. A elaboración deste Plan é un amplo traballo e as súas medidas afectan a numerosos veciños que lexitimamente defenden os seus intereses mediante as correspondentes alegacións, que o Concello estudará con especial atención para lograr un documento que goce do máis amplo consenso social.
 
Finalmente, o concelleiro Nicolás Lorenzo Montes desculpase polo erro producido nunhas manifestacións recollidas por un medio de comunicación sobre a presentación de alegacións ao Pepch por parte de grupos políticos da Corporación, pois certamente o grupo municipal socialista presentou un escrito de alegacións ao Plan.