Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Presentado o 2º concurso zonal de bandas de música da Deputación Provincial a celebrar o sábado 28 de marzo no teatro Municipal

26/03/2009

PRESENTADO O 2º CONCURSO ZONAL DE BANDAS DE MUSICA DA DEPUTACIÓN A CELEBRAR O VINDEIRO SÁBADO NO TEATRO MUNICIPAL DE TUI

 

Esta mañá na casa do Concello de Tui desenvolveuse unha rolda de prensa para a presentación do 2º Concurso zonal de bandas de música que organiza a Deputación Provincial de Pontevedra e que terá lugar o vindeiro sábado 28 de marzo a partires das 16,00 horas no Teatro Municipal de Tui.

Participaron nesta rolda de prensa o Alcalde de Tui, Antonio F. Fernández Rocha, o Vicepresidente da Deputación Provincial de Pontevedra e Deputado de Cultura, Jose Juan Durán Hermida, e o concelleiro de cultura tudense, Moisés Rodríguez Pérez.

O concelleiro tudense centrou a súa intervención en expresar o seu agradecemento á Deputación por escoller por segundo ano a celebración deste acontecemento cultural en Tui, que amosa o apoio que o organismo provincial realiza a prol do noso Concello.

De seguido o Alcalde de Tui resaltou o feito de acoller ata oito bandas do sur da provincia neste certame e lembrou que xa no pasado ano a resposta da público fora espectacular cun Teatro Municipal ateigado de asistentes.

Finalmente, José Juan Durán, resaltou o bo traballo que no ámbito cultural desenvolve o Concello tudense e resaltou o feito que de neste concurso Tui é a cabaceira que reune a 21 concellos das comarcas de Condado, Paradanta, Baixo Miño, Louriña e Val Miñor.

Participan neste concurso as seguintes agrupacións:

- Sección terceira: Asoc. Banda Musical do Municipio de Arbo, Agrupación Musical de Goián, e Banda de Música de Chapela. Neste apartado cada banda recibe unha axuda económica de 1200 euros e a gañadora un premio de 1500 euros.

- Sección segunda: Banda de Música Xuvenil de Torroso, Asoc. Cultural Banda de Música Popular de Rubiós e Agrupación Musical de Belesar. Cada bnanda desta sección recibe 1.500 euros de axuda e o primeiro premio ten un importe de 1750 Euros.

- Sección primeira: Agrupación musical de Vincios e Banda de Música Cultural de Salceda de Caselas. A axuda a cada banda será de 1800 euros e o premio elévase aos 2000 euros.

A realización deste concurso zonal en Tui supón para a Deputación Provincial un investimento total superior aos 35.000 euros. Cada banda debe interpretar dúas pezas (un dun autor galego) e para rematar haberá a actuación dunha agrupación invitada: o Cuarteto de clarinetes Dibaseto. Serán máis de cinco horas de música.

Por último, José Juan Durán Hermida, resaltou o importante esforzo que a Deputación realiza a prol do mundo das bandas de música da provincia. Sinalou que hai unhas cen bandas na provincia, das que un 80% participan no Plan Cultural da Deputación que xunto caos axudas para as escolas de música, vestiario, instrumental, intercambios, etc eleva a 800.000 euros o investimento da Deputación neste ámbito cultural.