Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Os gastos por retribucións no Concello de Tui se rebaixan nos orzamentos do 2012 nun 21,64% mensual

19/03/2012

O Alcalde critica a demagoxia e manipulación do grupo socialista que afirma se incrementan nun 80% cando se aforrarán 44.000 euros

 

O  Alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, amosa o seu asombro diante das manifestacións que recollen hoxe diversos medios de comunicación do grupo municipal do PSOE de Tui onde acusa ao goberno municipal de elevar nun 80% os  gastos en soldos pois estas declaracións non se axustan á realidade do Concello senón que son froito dunha manipulación interesada de datos e dunha ocultación aos cidadáns dos mesmos. En concreto neste proxecto de orzamento para 2012 existe unha rebaixa dun 21,64% no gasto mensual de retribucións, o que suporá un aforro de 44.000 euros aproximadamente ao longo do ano.

 

O que hai que lembrarlle aos concelleiros socialistas tudenses, engade o rexedor, é que todos os concellos de España logo da súa constitución o pasado mes de xuño aprobaron as asignacións económicas destinados aos soldos do seus respectivos alcaldes e concelleiros, modificando por tanto os orzamentos de 2011 en vigor. Tamén no Concello de Tui procedeuse, como é obrigatorio legalmente, a estas asignacións que como quedou patente no debate plenario están en liña e incluso son menores que as de Concellos de similar ou menor poboación que Tui. Estas retribucións significaban un investimento maior que no anterior mandato municipal pero son o resultado de existir un maior número de membros do goberno municipal, de cinco a nove concelleiros, pero cabe resaltar que se mantivo unha única dedicación exclusiva xunto ao do Alcalde e as dedicacións parciais son de moi reducido custe e un membro do goberno municipal renunciou a cobrar dedicación algunha.

 

Este acordo plenario é o que ocultan os concelleiros socialistas nas súas demagóxicas declaracións, pois omiten este dato para alarmar inxustificadamente á opinión pública nun exercicio de cinismo político inxustificable ao tomar como base do seu cálculo o previsto inicialmente nos orzamentos do pasado ano, sen contar con esta modificación que efectuaron todos os concellos non unicamente o de Tui.

 

É máis no borrador de orzamentos para o ano 2012 mantéñense os importes destas asignacións consonte o aprobado en xullo pasado e mesmo existe unha reducción do seu importe ao renunciar a Alcaldía ao posto de persoal de confianza e reducir as horas de dedicación dun dos concelleiros do goberno, amosando a vontade do goberno municipal de optimizar a xestión das contas públicas, reducindo un total de 44.000 euros ao aprobado en xullo de 2011.

 

O incomprensible, o vergoñento, o que carece de razón algunha... é o intento de enganar a opinión pública por parte dos concelleiros socialistas manipulando e ocultando os acordos plenarios adoptados por esta Corporación Municipal, alarmando inxustificadamente a opinión pública e amosando o seu cuestionable xeito de facer política. E máis o concelleiro de Facenda dende o pasado 10 de febreiro está a disposición da Corporación para clarexar as dúbidas que existen sobre os orzamentos sen que ninguén solicitase información sobre este punto concreto.

 

O Alcalde de Tui insiste en manifestar o que, xa expresou no debate plenario devandito do mes de xullo, a necesidade de contar cunha norma de aplicación xeral nos Concellos que regule os salarios a percibir polos cargos municipais en concellos de similar categoría para que non existan a discrecionalidade actual.

 

Finalmente, Moisés Rodríguez, expresa a súa satisfacción co funcionamento económico do Concello tudense como quedo evidente no actual proceso de regulación das facendas locais onde este Concello carece de débedas en contraste con tantos outros municipios testemuñando o rigor na xestión económica deste municipio.