Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Oficina Municipal de Turismo recibiu 5.500 consultas en setembro

11/10/2010

Os madrileños están á cabeza nas visitas nacionais e os portugueses nas estranxeiras
A Oficina Municipal de Turismo recibiu 5.500 consultas en setembro
O día de máis visitas neste servizo foi o mércores 22

Luns, 11 de outubro de 2010.  Un total de 5.478 consultas recibiu ao longo do pasado mes de setembro a Oficina Municipal de Turismo do Concello de Tui situada no Paseo da Corredoira. Deste total 4.681 foron demandas de información por parte de turistas nacionais, e as 797 restantes de estranxeiros. O día en que máis persoas se achegaron ata esta oficina foi o mércores 22 de setembro cun total 336 demandas de información.

No que respecta ao turismo nacional os madrileños seguen a cabeza no número de visitantes, ao igual que nos meses anteriores, cun total de 1.037 consultas, seguidos en segundo lugar polos andaluces con 662 consultas e polos castelá leoneses con 427.

No que se refire ao turismo estranxeiro houbo consultas de cidadáns de 34 países de lugares coma Emiratos Árabes, Corea, Letonia, Ucraína, Xapón  ou Sudáfrica, amais de diversos países europeos, de EEUU ou Colombia. Aínda así meirande parte de consultas por cidadáns estranxeiros foron realizadas por portugueses con 229 persoas que se achegaron á Oficina Municipal, seguidos de 175 alemáns e de 68 franceses.

Amais na Oficina Municipal de Turismo demandaron información 382 peregrinos sobre o Camiño de Santiago, dos que 224 eran españois, e 158 estranxeiros. Entre os peregrinos nacionais os que máis consultas realizaron foron os andaluces con 62, seguidos de 39 galegos e 37 madrileños. Mentres entre os estranxeiros están a cabeza os alemáns con 46 persoas que facían o camiño que se achegaron ata este punto de información, seguidos de 25 italianos, 18 portugueses e 16 peregrinos canadenses que realizaron  consultas nesta Oficina.

Por outra parte a Oficina Municipal de Turismo recolleu tamén datos entre as persoas que se achegaron a  este servizo durante o mes de agosto sobre as pernoctacións realizadas. O número de persoas que pasan máis dun día na cidade segue a crecer, destacando ao longo de todo o verán a cifra de pernoctacións.  Os turistas que pasaron pola oficina que pasaron a noite en Tui elixiron principalmente o Parador de Turismo, o Hotel Colón, o Hotel Alfonso I e a Pensión O Novo Cabalo Furado. Amais  19 deles viñeron en autocaravana.

A Oficina Municipal de Turismo abre de luns a venres de xeito ininterrompido de 10 a 20h, e as fin de semana de 10.30 a 14.30 e de 15.30 a 19.30h.

O Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez, valora moi positivamente os datos de turismo acadados ao longo de todo o verán, e tamén no mes de setembro, xa que poñen de manifesto interese que a cidade ten espertado neste ano, onde a condición de Tui coma porta de entrada do Camiño Portugués ten incidido moi positivamente. Tamén quere salientar coma o número de xente que pasa máis dun día na cidade tense incrementado notablemente, agardando que esta liña se manteña ao longo do ano e de cara a futuras época vacacionais.