Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O talento teatral tudense sae a escena nas Festas de San Telmo

3/04/2026

O Teatro Municipal acollerá as estreas das novas obras dos grupos San Fins, A Insua, Aloia e Xuntanza

O teatro ten un oco propio na programación das Festas de San Telmo nunha cita consolidada que cada ano ateiga o patio de butacas do Teatro Municipal de Tui. Trátase da Semana do Teatro Amador na que os grupos de teatro afeccionado das distintas parroquias tudenses levan as súas obras da temporada a escena na semana grande dos festexos tudenses.  Nos últimos anos os distintos grupos adoitan estrear as novas obras precisamente durante esta semana, e así acontecerá de novo neste 2026. Todas apostan polo humor representando comedias da autoría da propia agrupación. 

A XVI Semana de Teatro Amador vaise celebrar do martes 7 ao venres 10 cada noite ás 21 h no Teatro Municipal. As entradas están xa á venda en tui.gal até ás 18 h do día da función. E na mesma xornada dende ás 20 h se poderán adquirir no despacho de billetes no propio teatro. Teñen un prezo de 2€.
O martes 7 ás 21 h o grupo de teatro San Fins de Rebordáns será o encargado de abrir esta Semana de Teatro coa estrea "Ultramarinos Norte" da autoría de Laura Villaverde que dirixe tamén o grupo teatral. Sobre o escenario estará un amplo elenco formado por Amparo, Concepción, Carmela, Concepción, Concha, Tatiana, Florindo,José, Paquiño, Álvaro, Helen e Katia.  A obra conta a división que xera na veciñanza dunha vila mariñeira a chegada dunha fábrica. Entre retranca, música e vida de bar, descubrirán que hai cousas que non se venden.
O grupo de teatro A Insua de Caldelas de Miño subirá o mércores 8 ao escenario do Teatro Tudense para estrear "Error 404". Sofía González Durán é a autora e directora da obra que interpretan  Ana Pena, Alberto Rául Santa María, Consuelo Besada, Gabriel López, Josefa Carrera, María del Mar Alono, Marisa Vilalverde, Rosa María González, Sofía Pimentel, Susana Lorenzo, e Vanesa Villar.  O obra lévanos até o ano 2050 onde a tecnoloxía forma parte da vida cotiá até que un día algo comeza a fallar. A obra pon o foco no uso (e abuso) da tecnoloxía, nas redes sociais, na competitividade e na dificultade —cada vez maior— de escoitarnos de verdade. 

O xoves 9 ás 21 h será a quenda do grupo de teatro Aloia de Pazos de Reis coa estrea "Taxi", unha obra do propio grupo dirixida por Bego Míguez.Román Bugarín, Miguel Enríquez, Samuel Otero, Eva Pazo, Marta Pazo, Miguel Angel Pazo, Estela Rey e Merchi Rodríguez dan vida aos distintos personaxe que se suceden nun pintoresco taxi durante unha xornada de traballo.

Por último o venres pechará esta Semana de Teatro  o grupo de teatro Xuntanza de Randufe coa estrea "Tres porquiños", na que revisan o clásico da literatura popular para falar do problema da vivenda. Non faltan en escena outros personaxes clásicos como Cincenta, O Príncipe Azul, ou Os Sete Ananos. A obra escrita polo grupo de teatro Chirlomirlo está dirixida por Areta Bolado. Forman o elenco Marita Giráldez, Pilar Álvarez, Adrián Vila, Miguel Ángel Martínez, Alba Martínez, Pablo Alfaya; Amancio Muíños, Juan Carlos López, Ricardo Álvarez, Graciela González e Manuel Diz.

A concelleira de Cultura de Tui, Sonsoles Vicente, agradece aos grupos a súa participación nesta iniciativa das festas de San Telmo que pon en valor o traballo que os grupos de teatro realizan ao longo do ano. Sonsoles Vicente incide amais en  que os catro grupos que participan este ano presentan obras de creación propia, achegando dende o humor a súa visión de problemas actuais ou de situacións do día a día.  Sonsoles Vicente confía no novo éxito desta Semana de Teatro Amador que volverá a encher o patio de butacas do Teatro Municipal dende o próximo martes.

Entradas