Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Subdelegado do Goberno e o Alcalde de Tui avalian de xeito satisfactorio o desenvolvemento do Plan E en Tui

18/09/2009

O Subdelegado do Goberno avaliou de xeito satisfactorio o desenvolvemento do Plan E en Tui

Visitou xunto co Alcalde e os representantes de AT e o PSdG as obras das beirarrúas na PO-404 e a rotonda na N-550

 

Venres, 18 de setembro de 2009. O Subdelegado do Goberno en Pontevedra, Delfín Fernández, visitou esta mañá o Concello de Tui onde foi recibido polo Alcalde, Antonio Fernández Rocha, o voceiro de Acción Tudense, AT, e o representante do PSdG, Pablo Alonso. Tras unha pequena reunión na Alcaldía dirixíronse a comprobar o estado de execución de dúas das obras máis importantes que se están a executar ao abeiro do Plan E, coma son as beirarrúas na estrada PO-404 Tui-Caldelas, e a rotonda para mellorar a seguridade viaria na N-550.

 

A pé da obra, na N-551, Delfín Fernández explicou que no concello de Tui estanse a realizar 12 obras ao abeiro do Plan E cun investimento que supera os 3 millóns de euros, dos que o 70% foi transferido cando se certificaron as contratacións.  Na actualidade a meirande parte dos proxectos está xa executados e as dúas obras visitadas esta mañá, sinalaba o Subdelegado, son "as de maior dimensión". Manifestaba a súa satisfacción porque "se están cumprindo os obxectivos que este plan trazara coma era crear actividade nun sector especialmente pola crise", coma é o da construción, e ao tempo dicía "crease emprego ou mantense emprego", salientando que a meirande parte das empresas adxudicatarias das obras son da zona o que "ten un valor territorial importante" dicía.

 

Outro dos obxectivos do Plan E ,que segundo Delfín Fernández tamén está cumprido, é "insuflar financiamento aos concellos para facer obras que satisfagan as necesidades dos cidadáns". Nese senso salientaba a obra das beirarrúas na estrada Tui-Caldelas porque "contribúe por unha parte a mellorar a seguridade vial, e vai contribuír a mellorar o benestar cidadá no seu conxunto porque se dotará tamén de servizos de abastecemento de auga, recollida de pluviais, e alumeado público" ao longo de case 5 quilómetros. O Subdelegado quixo amais felicitar ao Concello de Tui pola súa "eficiencia na presentación de proxectos axustados ás necesidades dos cidadáns e na execución deses proxectos, previa á presentación, contratación, etc".

 

Pola súa parte, o Alcalde de Tui, Antonio Fernández, destacaba que o Plan E supuxo unha inxección económica moi importante para o Concello de Tui "porque había obras moi necesarias que coa economía municipal era imposible levalas a cabo".  Salientaba tamén que nas obras executadas ao abeiro deste Plan estivo de acordo toda a corporación. Convidaba amais ao Subdelegado do Goberno a volver a Tui a visitar todas as obras unha vez estean concluídas na súa totalidade para que poida comprobar que "cumpriron co proxecto e co seu obxectivo".

 

Por último Delfín Fernández avanzaba ao Alcalde e os representantes de AT e PSdG que posiblemente o próximo mes de outubro saia o decreto do próximo Plan E que estará centrado en tres áreas: o medio ambiente, o desenvolvemento tecnolóxico e os servizos sociais.