Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico de Tui non precisa someterse a avaliación ambiental estratéxica

14/10/2011

Así o comunicou á Conselleria de Medio Ambiente ao Concello tudense, facilitando o seu proceso de redacción

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ten comunicado ao Concello de Tui a súa decisión de non someter á Avaliación Ambiental Estratéxica ao Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico de Tui ao considerar que “o devandito Plan carece de efectos ambientais significativos determinantes da súa necesidade de avaliación ambiental estratéxica”.

Esta resolución se produce logo do período de exposición pública do avance deste PEPCH que segundo establece a legislación vixente foi remitido polo Concello de Tui á Conselleria de Medio Ambiente a estes efectos. Foron presentadas cinco observacións ou alegacións por outros tantos particulares e un informe do organismo Augas de Galicia que non afectaban á tramitación desta figura de planeamento.

A Secretaria Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental establece na citada Resolución únicamente tres criterios de protección ambiental, a considerar na elaboración do Plan Especial, derivados do necesidade de contar cunha normativa acústica específica no ámbito do PEPCH; igualmente convida a avaliar a posibilidade de habilitar espazos para unha movilidades sostible e non contaminante como pode ser o tránsito peonil ou en bicicleta. Finalmente apunta a necesidade de contemplar os espazos e infraestruturas necesarios para a correcta recollida, transporte e xestión dos residuos evitando que interfiran o menos posible na actividade urbana.

O Alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, congratúlase por esta decisión da Conselleria de Medio Ambiente que favorece o proceso de redacción do Plan Especial actualmente en elaboración e que pode deste xeito axilizar os seus plazos. De tal forma que o goberno municipal agarda que nun breve período temporal poida ser presentado o proxecto do Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico de Tui, evidenciando o compromiso de traballo que o goberno municipal ten adquirido co patrimonio cultural da nosa cidade e a súa conservación.

Moisés Rodríguez informa que avanzan a bó ritmo os traballos da empresa redactora e que confía que en menos dun mes o Concello dispoña xa do proxecto do PEPCH para iniciar a súa tramitación administrativa.