Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Parador de Tui promove unha nova tertulia do anecdotario tudense

28/05/2010

O PARADOR DE TUI PROMOVE UNHA NOVA TERTULIA DE ANÉCDOTAS TUDENSES CON JESUS PAZO DIZ ESTE DOMINGO ÁS 18,00 HORAS

 

O Parador de Turismo "San Telmo" de Tui da continuidade neste domingo 30 de maio, ás 18,00 horas, a unha interesante iniciativa que baixo o nome de "Anecdotario tudense" foi iniciada o pasado mes de marzo e que pretende realizar mensualmente, o último domingo de cada mes. Unha tertulia arredor de anecdotas da vida da nosa cidade ao longo do tempo; cada mes unha persoa de Tui abrirá a tertulia narrando unha destas anecdotas e abrindo así o turno para a intervención dos asistentes.

Neste vindeiro domingo será Jesús Pazo Díz, que abra esta tertulia sobre temas tudenses, desta volta falará sobre o proceso de declaración de Tui e Valença do Minho como patrimonio da humanidade, realizado na súa etapa de concelleiro no Concello de Tui.

Este ciclo de "Anecdotario tudense" terá continuidade nos vindeiros meses coa intervención doutros veciños de Tui como no mes de xuño coa intervención no último domingo de Manuel Vázquez de la Cruz.

Para o director do Parador, David Villar Alonso, esta iniciativa tenta dinamizar a vida e a actividade deste establecemento hosteleiro tudense e recuperar os seus tradicionais lazos de unión coa cidade de Tui e os seus veciños. Trátase dunha tertulia aberta á participación de todos os interesados que queiran achegar as súas anecdotas e curiosidades arredor do tema ao que se dedica a tertulia de cada mes.

No pasado mes de marzo foi Alberto Estévez Piña quen abriu esta tertulia, continuando no mes seguinte Javier Rodríguez Vázquez.

David Villar Alonso agradece a todos os participantes a sua xenerosa colaboración así como o apoio do Concello de Tui que anima esta interesante iniciativa que pretende plasmarse nunha publicación ao final do ano, na que recolla as principais anecdotas deste ciclo.