Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O lúns 16 de maio presentación do libro de Antonio Garcia Rivas "Galicia nas ondas"

13/05/2011

O LUNS 16 DE MAIO PRESENTACIÓN DO NOVO LIBRO DE ANTONIO GARCÍA RIVAS: “GALICIA NAS ONDAS”

 

O vindeiro lúns 16 de maio terá lugar no primeiro andar do edificio Área Panorámica de Tui a presentación da nova obra do tudense Antonio García Rivas titulada “Galicia nas ondas” e que recolle unha escolma das intervencións que levou adiante nas ondas da Radio Municipal de Tui. A presentación que dará comezo ás 20,30 horas correrá a cargo de José Font, director da Radio Municipal de Tui

 

Como sinala o propio autor no limiar do libro: “Un día e outro día, todos os martes pola mañá perante algúns meses, oíronse na radio os latidos de Breogán. A xente escoitaba atenta e sentía rebulirse no peito un xubiloso agarimo. Estábanlle amosando, en vivo, a nosa Galicia eterna, bambeándose no berce das ondas, en bafo quente de alento. Un entretido programa de loanza merecida á xente que nela morou e para lembranza das súas ancestrais costumes. Non podía ficar só nas ondas. Os oíntes pedíano e eles sempre teñen  razón. Había que darlle forma no papel.”

 

Antonio García Rivas, tudense de adopción dende hai moitos anos, leva xa editados varios libros, especialmente de poesía como “Ondas do Baixo Miño” ou “Lóstregos da vida”.

 

Esta actividade forma parte da programación do “Mes dos Libros” que promove a Biblioteca Pública Municipal de Tui ao longo dos meses de maio e xuño para a promoción do libro e a lectura entre os nosos veciños.