O Concello de Tui recibe a doazón de varias cartas de Francisco Rodríguez Otero “Paquiño de Figueiró”
O historiador Bieito Alonso fixo entrega das mesmas con destino ao Arquivo Municipal
O historiador Bieito Alonso vén de facer entrega esta mañá ao Concello de Tui dun conxunto de cartas escritas por Francisco Rodríguez Otero dirixidas á súa familia. Esta colección epistolar de Francisco Rodríguez Otero, dirixente político no Baixo Miño e paseado en outubro de 1936, dende a prisión no Seminario de Tui, será depositada no Arquivo Municipal tudense.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, agradeceu a Bieito Alonso esta doazón de documentos significativos dunha personalidade de gran interese, tanto social como persoal, e que contribúe ao proceso de recuperación da memoria democrática no que traballa este concello tudense. Esta pequena colección epistolar, tras o seu tratamento técnico, estará a dispor das persoas investigadoras e interesadas, contribuíndo á unha toma de conciencia social sobre a represión tras o golpe de estado de 1936 nun acto reparador sobre estas vítimas.
Francisco Rodríguez Otero, coñecido como Paquiño de Figueiró, nado en Tomiño o 1 de novembro de 1897 e “paseado” en Mondariz o 4 de outubro de 1936. Farmacéutico de profesión, foi un político agrarista que presidiu a Federación Municipal Agraria de Tomiño. Na ditadura de Primo de Rivera foi concelleiro de Tomiño e presidente da Unión Patriótica. En 1926 renunciou como concelleiro de Tomiño e foi nomeado presidente da Entidade Local Menor de Goián. Foi correspondente de El Pueblo Gallego en Goián. Foi coorganizador e tesoureiro do Congreso Provincial Agrario (1929). Directivo da Sociedad Aurora del Porvenir en Tomiño. Ocupou o cargo de Secretario do Xulgado de Paz de Tomiño. Foi concelleiro en Tomiño en 1931. En decembro de 1933 abandonou a súa militancia no agrarismo. Foi membro do Partido Galeguista.
A súa figura é chave para explicar o movemento agrarista nas terras do Baixo Miño. A presenza continuada na dirección da Federación Agraria de Tomiño que remataría por actuar como unha sección local do Partido Galeguista, a secretaría da Federación Agraria comarcal de Tui con máis de 4000 afiliados no período republicano e os traballos directivos na Federación Provincial de Pontevedra que levou a Antón Alonso Ríos ás cortes republicanas e propuxo o seu nome para a vicepresidencia da Deputación de Pontevedra. Pero tamén, o traballo de axitación en asembleas e mitins, a representación municipal na corporación de Tomiño e a pluma ao servizo das reivindicacións labregas nas páxinas El Pueblo Gallego, do que foi correspondente en Tomiño, Heraldo Guardés, Nuevo Heraldo da Guarda, El Agro de Tomiño, dirixido polo nacionalista Daniel Calzado Poceiro ou Agro del Miño, ligado á Federación Agraria de Tomiño onde exerceu como director.
Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 acompañou a Antón Alonso Ríos a Tui e A Guarda en calidade de enlaces entre os diferentes Comités de Defensa da República do Baixo Miño. Cando entraron as tropas en Tui fuxiu a Portugal o día 25 de xullo camiño do Brasil onde vivían as súas irmás. Cando entrou nun bar a tomar café un veciño falanxista recoñeceuno e denunciouno á policía lusa que o entregou a policía española polo posto internacional de Tui. Detido o 29 de xullo, o 6 de agosto foi internado no Seminario de Tui, que funcionaba como prisión. Tiña causa aberta en Vigo por traizón. O 4 de outubro de 1936 foi sacado da prisión e levado polos falanxistas ata Mondariz onde foi paseado xunto Hipólito Gallego Camarero, Fernando Rubio Estévez, Manuel Piñeiro Zúñiga, Domingo Páramos Núñez e Manuel Pérez Besada, aparecendo o seu corpo tirado na cuneta.
Casou con Isaura Gómez Pérez en 1927 e foi pai de María Ivonne e Mario Rodríguez Gómez.





