Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui organiza obradoiros gratuítos de Nadal durante as vacacións escolares dos cativos

23/12/2016

Continúan as actividades para os mais cativos dentro da programación de Nadal do Concello de Tui. Durante as vacacións escolares de Nadal, e co gallo de ofrecer actividades de lecer e permitir a conciliación familiar e laboral dos pais e nais, entre o 26 e o 30 de decembro e do 2 ao 4 de xaneiro terán lugar diferentes obradoiros.

Todas as actividades desenvolveranse no edificio da Área Panorámica –porta 4– entre as 11:30 e as 13:30 horas.  Todas buscan desenvolver a creatividade e imaxinación dos nenos á vez que traballan coas súas mans e aprenden valores como a reciclaxe. Estarán ademais acompañadas de xogos con música. Así mesmo, haberá diferentes espazos, dependendo da idade de cada neno.

O primeiro dos obradoiros terá lugar o luns, 26 de decembro, baixo o título de “Deixando pegadas”.  Nesta actividade os nenos e nenas elaborarán diferentes figuras de Nadal coas súas mans. O martes será a quenda de “magnetízate” na que os asistentes realizarán debuxos que serán convertidos en imáns.  O mércores terá lugar un certame de postais no que a rapazada traballará con diferentes materiais nunha actividade na que deberán desenvolver a súa creatividade persoal. A seguinte actividade terá lugar o xoves, con “navidecor”. Os nenos e nenas elaborarán diferentes elementos decorativos para participar nos adornos das súas casas. E por último o venres, no derradeiro obradoiro do ano, todos os asistentes irán de esmorga cunha festa de fin de ano na que haberá xogos, música e baile.

Xa en xaneiro, os obradoiros volverán o luns, día 2, cunha representación de monicreques que será o xermolo para que os nenos e nenas confeccionen o seu propio boneco con teas.  O martes seguirán as actividades manuais cun obradoiro de reciclaxe no que traballarán con materiais de refugallo.  Por último, o mércores, haberá unha “festa rachada” con sesións de karaoke, baile, xogos e festa para recibir aos tres reis magos.

Todos os obradoiros, para idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, son de balde e para poder participar os pais ou nais dos nenos deberán firmar unha autorización.  Están organizados polo Concello de Tui en colaboración con “En un tris tras”.