Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui garante que as emisións da antena de telefonía de Quiringostas-Randufe axústase aos parámetros legais

31/10/2011

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, mantivo hoxe unha xuntanza cos representantes dos veciños de Randufe, que hai unhas datas amosaron a súa preocupación polas emisións dunha antena de telefonía instalada no barrio de Quiringostas, para entregarlle a documentación que acredita como esta instalacións cumpre todos os requirimentos legais establecidos e as súas emisións están dentro dos parámetros establecidos pola lexislación vixente para non afectar á saúde das persoas.

En consecuencia, o alcalde quere tranquilizar aos veciños na súa preocupación por este tema garantindo que o goberno municipal está atento ás súas indicacións e garante a legalidade desta instalación. “Non cabe pois alarmismo algún neste tema”, conclúe o rexedor tudense.

Moisés Rodríguez Pérez afirma que esta antena de telefonía leva ubicada nese mesmo emprazamento dende o ano 1996 e posúe a autorización correspondente do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e ten superado satisfactoriamente as inspeccións periódicas que os técnicos do Ministerio realizan. 

Para maior seguridade, e recollendo o sentir dos veciños, o Concello de Tui encargou a unha empresa especializada a realización dunha medición que foi acometida nos primeiros días de outubro. As conclusións deste informe non deixan lugar a dúbidas pois afirma o seguinte: “no se han registrado valores superiores a los limites establecidos (...), el nivel de intensidad de campo eléctrico más elevado, (...) en el punto más cercano a la instalación, ha obtenido un valor de 6.89V/m, es decir un valor aproximadamente 3 veces inferior al valor de decisión establecido según el R.D. 1066/2001”.

Así pois non cabe continuar alimentando a alarma entre a poboación por esta instalación que, segundo os datos dos que dispón o Concello de Tui, cumpre os requirimentos legais establecidos. O alcalde de Tui quere así contribuír a despexar as dúbidas dos veciños do lugar garantindo que o Concello tudense ten actuado con rapidez e responsabilidade neste asunto.

 

http://www.concellotui.org/archivos/28102011InformeAntenas.pdf