Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui e a fundación comarcal o Baixo Miño organizan unha exposición de fotos realizadas por mulleres da comarca.

16/12/2010

O CONCELLO DE TUI E A FUNDACIÓN COMARCAL O BAIXO MIÑO ORGANIZAN UNHA EXPOSICIÓN DE FOTOS REALIZADAS POR MULLERES DA COMARCA.

Tui, xoves 16 de decembro de 2010. A Concellería de Cultura do Concello de Tui e a Fundación Comarcal O Baixo Miño instalaron na zona anexo da sala municipal de exposicións no edificio da área panorámica, unha mostra coas fotografías realizadas polas mulleres participantes nos obradoiros do proxecto “Olladas de Muller”.

Fotos tomadas polas 36 mulleres, de diferentes idades e profesións, que foron iniciadas polo proxecto “Olladas de Muller” nos coñecementos técnicos da fotografía dixital, durante os obradoiros que se desenvolveron nos concellos de Tomiño e da Guarda a finais de 2008.

“Olladas de Muller” procurou utilizar as novas tecnoloxías para analizar a forma en que viven as mulleres, cómo se relacionan, como afrontan os problemas, como compatibilizan o traballo na casa, fóra da casa, a vida social e como teñen tempo e paciencia para amosar o seu afecto, sensibilidade a aqueles que dependen delas.

O interese do proxecto e desta exposición radica na utilización da cultura audiovisual como factor de desenvolvemento local, e como medio para contribuír a visibilizar e valorizar o papel e a achega das mulleres á sociedade actual.

Os Obxectivos deste proxecto foron:

No Eido Tecnolóxico:

  1. Alfabetización tecnolóxica a través dun curso básico de fotografía dixital para mulleres. Introdución e achegamento das mulleres ao mundo das novas tecnoloxías e a sociedade da información, tentar suprimir as barreiras da fenda dixital, neste caso a través dun curso de formación didáctico na metodoloxía, innovador no medio. O impacto que poden ter as novas tecnoloxías na vida cotiá e na laboral, e o seu efecto sobre o espazo doméstico e urbano ou rural. As olladas en prol da igualdade de oportunidades, nun medio con dificultades de alfabetización tecnolóxica.

No Eido Social

  1. Visibilización e valorización do traballo cotiá das mulleres.
  2. Impulso da participación activa na representación das súas historias.
  3. Fomento do empoderamento e o acceso ás mulleres a lugares onde se toman decisións. Colocar ás mulleres en situacións onde sexan elas quen tomen as decisións ao longo de todo o proceso, na elección das fotos da súa vida cotiá, na contribución á organizar as exposicións, na súa divulgación...

 

O Concelleiro de Cultura de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, agradece o interese da Fundación Comarcal O Baixo Miño por amosar esta interesante exposición na nosa cidade enriquecendo a oferta cultural tudense nestas datas do Nadal.

A mostra estará aberta dende o 16 de decembro de 2010 ata o día 5 de xaneiro de 2011.