Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello asume a apertura da Oficina de Turisno da Xunta en Tui no que resta de agosto

22/08/2011

O CONCELLO ASUME A APERTURA DA OFICINA DE TURISMO DA XUNTA DE GALICIA EN TUI

 

Venres, 19 de agosto de 2011. Dende mañá sábado e ata fin de mes o Concello de Tui asume a apertura da Oficina de Turismo da Xunta de Galicia, ubicada no edificio Área Panorámica na rúa Colón da cidade, que dende o pasado martes estaba pechada ao público.

 

Esta medida foi adoptada logo da solicitude formulada polo alcalde tudense tras coñecer o peche desta oficina nun momento de máxima demanda polos turistas. Unha solicitude enviada por escrito o 17 de agosto e logo formulada en diversas conversas mantidas coa Secretaria Xeral para o Turismo.

 

Froito destes contactos foi o acordo adoptado na mañá de hoxe entre ambas institucións e que contempla que a Secretaria Xeral para o Turismo autoriza que o Concello de Tui asuma a xestión del Oficina de Turismo no que resta do mes de agosto.

 

O alcalde tudense, Moisés Rodríguez Pérez, amosa a súa satisfacción por este acordo que posibilita que este importante punto de información turística para Tui, a comarca do Baixo Miño e o Camiño de Santiago continúe aberto ao público nun momento de máxima demanda. Desde xeito, engade o alcalde de Tui o Concello soluciona un problema puntual colaborando coa Xunta de Galicia na promoción e información turística, ampliando o traballo que ata agora desenvolve, nesta materia, a través da Oficina Municipal de Turismo.

 

Rodríguez Pérez subliña que o Concello de Tui está declarado “Municipio turístico” e que a promoción do ámbito turístico é unha das liñas estratéxicas da acción do goberno municipal. Agradece a colaboración atopada na Secretaría Xeral para o Turismo para dende a colaboración superar este problema puntual pois para o Concello de Tui o funcionamento desta oficina de turismo na nosa cidade, logo de varias décadas, é un servizo irrenunciable pois permanece aberto ao longo de todo o ano.