Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Alcalde de Tui recibe ao novo bispo da diocese

9/05/2010

O ALCALDE DE TUI RECIBE AO NOVO BISPO DA DIOCESE DE TUI-VIGO

 

Venres, 7 de maio de 2010. Esta mañá o Alcalde de Tui, Antonio F. Fernández Rocha, recibiu no seu despacho na Casa do Concello de Tui ao novo bispo da diocese de Tui-Vigo, D. Luis Quinteiro Fiúza, que solicitou esta entrevista para ter unha primeira toma de contacto coas autoridades tudenses.

 

O Alcalde de Tui estivo acompañado neste acto por outros tres membros do equipo de goberno municipal: Moisés Rodríguez Pérez, Patricia Ricón Soliño e Manuel González Vázquez.

 

No decurso da xuntanza o bispo de Tui-Vigo expresoulle ao Alcalde e concelleiros o seu agradecemento pola súa presenza no acto solemne da súa toma de posesión no pasado 24 de abril, así como a colaboración realizada polo Concello de Tui na organización deste acontecemento.

 

Amosou tamén a súa intención de potenciar todo o relacionado coa Catedral tudense, na súa condición de primeiro templo da diocese, promovendo tanto o culto como outros aspectos vinculados a esta Igrexa Catedral.

 

Pola súa banda, o Alcalde de Tui expresoulle o seu agradecemento por ter  a deferencia de achegarse ata esta cidade para comezar con esta toma de contacto unha colaboración que dende o Concello agardan resulte moi positiva.  Subliñou Fernández Rocha o importante significado que para todos os tudenses posúe a condición episcopal da nosa cidade e a identificación que todos os veciños teñen coa Catedral de Santa María.

 

O Alcalde de Tui entregoulle coma agasallo de benvida ao novo bispo de Tui-Vigo unha imaxe de San Telmo e senllos libros, editados polo concello tudense, sobre a figura do patrón de Tui e a súa diocese.

 

Os asistentes a este encontro sinalaron o clima de cordialidade no que decorreu esta xuntanza.