Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Alcalde congratúlase pola continuidade da conexión ferroviaria de Tui pero reclama a súa modernización

28/09/2011

Moisés Rodríguez Pérez, Alcalde do Concello de Tui, amosa a súa satisfacción diante do acordo acadado entre Renfe e Comboios de Portugal que garante a continuidade da liña Porto – Vigo, e por tanto da conexión ferroviaria da cidade de Tui, alomenos ata finais do vindeiro mes de xaneiro. Rodríguez Pérez agradece publicamente a sensibilidade tanto das empresas, Comboios de Portugal e Renfe, como dos Ministerios de Fomento e do Ministerio de Obras Públicas, Transportes e Comunicacoes que posibilitaron este acordo que beneficia aos veciños de Tui e Valença e de toda a Eurorrexión.

Pero, ao tempo, o rexedor tudense segue a reclamar unha modernización deste liña férrea que cómpre insistir ten a súa principal deficiencia na excesivamente longa duración do percorrido entre Porto e Vigo, con máis de tres horas de viaxe. A noticia da substitución das máquinas ferroviarias non solventa este problema que cómpre acometer.

Moisés Rodríguez Pérez confía que este tema da mobilidade na Eurorrexión Galicia / Norte de Portugal entre na axenda do novo goberno español para que en lugar de acordar estes continuos aprazamentos adopte un decidido compromiso pola renovación desta liña ferroviaria que nos inicios do século XXI segue mantendo os mesmos parámetros que cando, hai 125 anos, foi aberta esta comunicación coa inauguración da Ponte Internacional entre Valença e Tui. Existen fondos europeos para acometer esta mellora que resulta imprescindible para o desenvolvemento da eurorrexión, nos aspectos económicos e empresariais, pero tamén para afondar na cohesión social por unha fronteira que é transitada diariamente por máis de 18.000 vehículos de pasaxeiros (datos de 2003: 13.747 pola ponte nova e 4.692 pola ponte vella, ver nota). Estas cifran permiten calibrar a potencialidade de usuarios que ofrece esta eurorrexión se existe unha oferta axeitada ás súas necesidades.

Moisés Rodríguez Pérez salienta que o Concello de Tui seguirá atentamente as decisións que sobre este temas adopten as administración responsables e traballará para garantir aos tudenses unha conexión ferroviaria adaptada aos requirimentos dos nosos tempos.

 

Nota: Datos extraídos do traballo de José Luis Palmeiro Piñeiro e Miguel Pazo Otón: “La eurorregion Galicia – Norte de Portugal: una aproximación a la movilidad en el contexto ibérico”, editado no ano 2008)