Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

No pasado mes de setembro case novecentos peregrinos foron acollidos nos albegues tudenses.

20/10/2010

NO PASADO MES DE SETEMBRO CASE NOVECENTOS PEREGRINOS FORON ACOLLIDOS NOS ALBEGUES TUDENSES

Mércores, 20 de outubro de 2010. Ao longo do pasado mes de setembro un total de 887 peregrinos foron acollidos nos albergues de peregrinos tudenses, tanto no albergue oficial do Xacobeo como no albergue temporal do Concello de Tui, evidenciando, nunha nova oportunidade, o notable incremento do número de peregrinos neste Ano Santo 2010.

Concretamente, no Albergue do Xacobeo, ubicado na rúa Párroco Rodríguez Vázquez ao carón da Catedral tudense, foron un total de 584 os peregrinos acollidos no pasado mes de setembro. Pola súa banda o albergue temporal do Concello de Tui, instalado no antigo convento de San Domingos, e que funciona como reforzo ao albergue oficial, acolleu nas súas dependencias a un total de 303  peregrinos.

As procedencias dos peregrinos que inician ou chegan ata Tui no seu itinerario xacobeo abrangue, de maior a menos, a xentes procedentes de Alemaña, Polonia, Francia, Holanda, Irlanda, pero tamén de Lituania, Suecia, Eslovenia ou Brasil. En canto aos españois salientan os procedentes de Madrid, Andalucía, Castela-León, Valencia, Pais Vasco e Galicia.

No pasado mes de setembro,segundo os datos da Oficina de Atención ao Peregrino da Arquidiocese de Santiago, recibiron a “Compostela” un total de 3823 peregrinos que realizaron o camiño portugués, unha porcentaxe do 10,42% do total de peregrinos, iniciando en Tui o su camiño un total de 1826 peregrinos.

O concelleiro de cultura tudense, Moisés Rodríguez Pérez, amosa nunha nova oportunidade a satisfacción do Concello por este importante número de peregrinos que teñen escollido o camiño portugués testemuñando a centralidade de Tui como a histórica porta en Galicia deste itinerario de peregrinación.

A creación do albergue temporal, a instalación do centro de interpretación do camiño portugués, a edición de material informativo para os peregrinos en seis linguas, o perfil en facebook, a participación no programa de voluntariado xacobeo, etc teñen sido importantes medidas promovidas polo Concello tudense para responder as expectativas suscitadas por este ano xacobeo e que, cando xa nos achegamos ao seu final, comprobamos como teñen funcionado eficazmente pois neste ano houbo máis peregrinos que nunca, sinala o concelleiro Rodríguez Pérez.