Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Hoxe comeza a súa actividade a aula da Uned en Tui. Este venres ás 18.30h será o acto oficial de apertura de curso

24/11/2010

Invitación

HOXE COMEZA A SUA ACTIVIDADE A AULA DA UNED EN TUI
Este venres ás 18.30h será o acto oficial de apertura de curso

Mércores, 24 de novembro de 2010. A partir de hoxe comeza o seu funcionamento académico a Aula da Uned na cidade de Tui, que con máis de 60 alumnos procedentes tanto do Concello de Tui como das comarcas veciñas, asistiran nas súas dependencias as diversas materias que integran o curso de acceso para maiores de 25 anos.

Coa impartición das diversas titorías que integran este curso de acceso ábrese unha nova etapa educativa na nosa cidade que deste xeito amplía a súa oferta de formación académica tamén cos estudos universitarios a través desta Aula da UNED na nosa cidade.

Un total de oito titores impartiran de xeito presencial as súas materias neste centro ubicado nas dependencias municipais do antigo convento de San Domingos, que foron adaptadas polo Concello de Tui para acoller estas instalacións universitarias.

O Concello de Tui congratúlase por ter culminado o proceso de creación deste Aula da Universidad Nacional de Educación a Distancia favorecendo deste xeito o acceso á educación superior aos veciños de Tui e a súa bisbarra que xa non terán de desprazarse ata Pontevedra para asistir ás clases ou titoriís das diversas materias.

Esta Aula da Uned de Tui completa a ampla oferta de ensino que proporciona o Concello de Tui aos seus veciños e que abrangue a Escola Oficial de Idiomas, o Conservatorio de Música, etc.

O goberno municipal tudense entende que a apertura deste centro universitario en Tui é unha excepcional noticia pois acredita o importante esforzo económico que o Concello de Tui realiza en materia educativa e de formación, dende o convencemento de que é unha das principias ferramentas para garantir a igualdade de oportunidades no acceso á formación académica, especialmente nestes tempos de crise onde este recurso é fundamental para a inserción laboral e profesional dos cidadáns.

De todos os xeitos, será o vindeiro venres, 26 de novembro ás 18,30 horas, cando teña lugar o acto oficial de apertura de curso nesta Aula Universitaria de Tui nas devanditas dependencias do antigo convento de San Domingos. O acto académico contará coa presenza de Rafael Louzán, Presidente da Deputación e da Xunta Rectora do Padroado do Centro Asociado da UNED en Pontevedra, acompañado pola Director deste Centro, Beatriz Rodríguez López, e o Alcalde de Tui, Antonio F. Fernández Rocha.

No decurso do acto académico pronunciará a lección inaugural a profesora Doutora Fátima Becerra Barbosa, profesora titular do Departamento de Pedagoxía do Instituto de Educación e Psicoloxía da Universidade do Minho que versará sobre o tema “A importancia da educación estética na sociedade actual”.