Este domingo celébrase a V Eurocidade 10. A saída e a meta estará no Paseo da Corredoira de Tui.
Máis de 400 persoas son as que se agardan que participen este domingo na V Eurocidade 10, unha proba deportiva organizada polo Club Atletismo Tui-Thermalia e a Eurocidade Tui-Valença. Serán dez quilómetros de percorrido por Tui e Valença, sendo un evento único nas súas características xa que percorre dúas cidades, dous países e atravesa unha ponte internacional, amais de atravesar o conxunto histórico tudense e a fortaleza valenciana.
A presentación desta proba tivo lugar esta mañá na casa do concello de Tui por parte do concelleiro da Eurocidade, Miguel Capón, o concelleiro de Deportes de Tui, Laureano Alonso, vareador de Desporto de Valença, José Monte, e o presidente do Club Atletismo Tui-Thermalia, Rafael Pérez.
Laureano Alonso sinalou como esta proba é especial para el xa que o ano pasado foi á primeira a que asistiu xa coma concelleiro de Deportes. Expuxo coma este evento contribúe a dinamizar as dúas cidades e dalas a coñecer, e convidou ao público a presenciar a carreira.
O vereador de Desporto de Valença, José Monte, destacou o simbolismo desta proba que atravesa a vella ponte internacional e desexou que volva ser un éxito coma en edicións anteriores.
Rafael Pérez, presidente do Club Atletismo Tui-Thermalia, fixo fincapé no privilexio que terán os participantes de correr por dous países e por zonas monumentais. E salientou o espírito solidario deste evento xa que por unha banda encargaron os trofeos á asociación Avelaíña , e por outra 1€ de cada inscrición doarano ao SOS Tomiño-Baixo Miño .
Entre as novidades deste ano está o establecemento de premios en metálico de 150€ € para o primeiro e a primeira clasificados absolutos, 100 € para o segundo e a segunda e 50 € para o terceiro e a terceira. Amais haberá trofeos para os tres primeiros de cada categoría tanto masculina coma feminina, e coma novidade tamén para os tres primeiros da Eurocidade homes e mulleres.
O prazo de inscrición está aberto ata este mércores, 8 de xuño, ás 23:59h a través de Championchipnorte . O prezo é de 4€, máis 1€ de aluguer do chip.
A saída e a liña de meta estará no Paseo da Corredoira. O percorrido irá pola rúa Augusto González Besada, Martínez Padín, Avenida de Portugal, cruzará a vella ponte internacional para facer un percorrido polo perímetro interior e polo exterior da muralla de Valença, regresará a Tui cruzando de novo a ponte, para pola beira do Miño achegarse ata os xardíns e rematar de novo na Corredoira.