Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Entrada en vigor do novo regulamento da lei de estranxeiría

1/07/2011

A Oficina de atención a inmigrantes e emigrantes retornados do Concello de Tui informa que onte, día 30 de xuño, entrou en vigor o novo RD 557/2011, de 20 de abril, polo que se aproba o Regulamento da Lei Orgánica, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social, trala súa reforma pola Lei Orgánica 2/2009.

 

Este novo regulamento contempla, entre outras novidades, a posibilidade de que o pai ou nai dun menor de nacionalidade española poida regularizar a súa situación a través da solicitude dunha autorización de residencia temporal por circunstancias excepcionais por arraigo familiar (sempre que o proxenitor solicitante teña a cargo ó menor e conviva con este ou estea ó corrente das obrigas paternofiliais respecto ó mesmo)

 

Tamén, como novidade, contémplase a posibilidade de solicitar o reagrupamento das “persoas que manteñan co reagrupante unha relación de afectividade análoga á conxugal”, pero limítase respecto ós ascendentes o establecer que só serán reagrupables os ascendentes de primeiro grado, cando estean ó cargo do reagrupante, sexan maiores de 65 anos e existan razóns que xustifiquen a necesidade de autorizar a súa residencia en España, ó mesmo tempo que se endurecen os medios económicos a acreditar polo estranxeiro para o reagrupamento dos seus familiares.

 

En breve actualizarase o contido do apartado da Oficina de atención a inmigrantes e emigrantes retornados na páxina web do Concello a este novo regulamento.

 

Para máis información poderán dirixirse á Oficina de atención a inmigrantes e emigrantes retornados do Concello de Tui, en horario de 9:00 a 14:00