Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Corenta remeiros ingleses adestran en Tui durante unha semana

10/01/2017

O alcalde, Enrique Cabaleiro González, xunto ao concelleiro de Deportes, Laureano Alonso Alvarez, e os edís, María José González e Jose Martinez Tato recibiron esta tarde no salón de sesións aos case 40 remeiros de Cambrigde que convidados polo Club Remo do Miño de Tui Seta adestran estes días en augas do Miño. O alcalde deulles a benvida á esta histórica cidade explicándolles que o Miño é unha das xoias naturais do municipio e dándolles conta da condición transfronteiriza da cidade. Unha singularidade que permite ter estreitas relacións co Municipio De Valença en distintos ámbitos entre eles o deportivo. Desexoulles unha feliz estancia orgulloso de poder acoller no municipio a deportistas estranxeiros, que dicía, agarda promocionen no seu país as bondades e excelencias desta terra. Animou o rexedor a que se sigan producindo este tipo de intercambios moi importantes, sinalou, para o desenvolvemento dos pobos. Rematou agardando que os remeiros tudenses teñan tamén a oportunidade de realizar tamén este intercambio.

O adestrador inglés destacou que nunca realizaran un campamento nun lugar cunhas condicións coma as que reúne Tui, salientando o positivo da experiencia. Dende o First and Third, Trinity College Boat Club da Cambridge University agradeceron a acollida que están a ter na cidade por parte do Club Remo do Miño e a recepción no Concello. 

A delegación de Cambridge chegou a Tui o pasado venres día 6 e permanecerá na cidade ata este sábado, 14 de xaneiro, realizando tres adestramentos diarios no Miño.