Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Convocatoria axudas económicas para atención primeira infancia en escolas infantís 0-3 non sostidas con fondos públicos adheridas ao Programa de cheque infantil.

22/07/2011
Orde do 18 de xullo de 2011, pola que se regulan as axudas económicas para atención da primeira infancia en escolas infantís 0-3 non sostidas con fondos públicos adheridas ao Programa de cheque infantil e se procede á súa convocatoria (DOG nº 141 do 22/07/2011).
 
Prazo de presentación:

Un mes a partir do seguinte á publicación da orde. Ata o 22 de agosto de 2011.

Excepcionalmente, poderanse presentar solicitudes fóra deste prazo cando se produza algunha seguintes circunstancias:

  1. Nacemento da/do nena/o con posterioridade ao prazo de presentación de solicitudes.
  2. Fillas/os de mulleres vítimas de violencia de xénero.
  3. Cambio de concello de residencia da unidade familiar ou outras circunstancias que motivadamente aprecien os departamentos territoriais correspondentes da Consellería de Traballo e Benestar.

Persoas beneficiarias:

  1. Reserva de praza: Terán preferencia aquelas persoas beneficiarias que tiveran recoñecida a axuda no curso anterior, sempre que cumpra os requisitos para ser beneficiaria e solicitara a reserva de praza.
  2. Novas solicitudes de praza:
  • Persoas con responsabilidade sobre nenos/as de 0 a 3 anos solicitantes de praza, nas modalidades de asistencia e asistencia con comedor, en escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos e que non resultaran adxudicatarios/as dunha delas por falta de prazas dispoñibles. Neste caso consideraranse solicitantes de oficio sempre que exerceran a opción polo programa cheque infantil na solicitude de praza, polo que non terán que presentar solicitude.
  • Persoas con responsabilidade sobre nenos/as de 0 a 3 anos, residentes en localidades onde non existan escolas infantís 0-3 sostidos con fondos públicos e desexen obter praza nas modalidades de asistencia e asistencia con comedor, nalgún centro partícipe do programa, existente no concello de residencia, noutro que sexa limítrofe ou ben no concello onde traballen os pais, nais ou titores legais.
  • Solicitantes de praza en horario de tarde.

As escolas infantís sostidas con fondos públicos (dependentes da Xunta, Consorcio Galego de Servizos IB, PAI e as que dependan de entidades privadas que reciban axudas da Xunta para mantemento) que teñan en lista de agarda solicitantes que optaran polo cheque infantil, deberán remitila xunto cunha certificación da puntuación acadada por cada epígrafe do baremo e a renda per cápita da unidade familiar ao Departamento Territorial correspondente da Consellería de Traballo e Benestar no prazo de 10 días desde a publicación da orde.

Requisitos das persoas beneficiarias:

  • Ter unha/un nena/o a cargo nacida/o con posterioridade a 31 de decembro de 2008. No caso de nenos/as de integración poderá eximirse do cumprimento deste requisito.
  • Non dispoñer doutras axudas para igual ou análoga finalidade outorgadas por outros organismos ou institucións públicas.
  • Que a renda per cápita mensual da unidade familiar non supere 1.000 euros.

As/os solicitantes de nova adxudicación deberán acreditar, ademáis, os seguintes requisitos:

  • Ter cumpridos a/o nena/o 3 meses na data de ingreso.
  • Que existan prazas nos centros partícipes do programa para o grupo de idade solicitado no concello de residencia do beneficiario, noutro que sexa limítrofe ou ben no concello onde traballen os pais ou titores legais.
  • Ter presentada a solicitude e non obter praza nunha escola infantil 0-3 sostida con fondos públicos, quedando en lista de agarda.