Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Constituida a Mesa Local de Comercio do Concello de Tui

7/09/2011

O pasado luns, 5 de setembro, foi constituída formalmente a Mesa Local de Comercio nunha sesión celebrada na Casa do Concello tudense. Esta mesa é unha obriga que figura na Lei 13/2010 de Comercio Interior de Galicia e que ten a misión de actuar como un órgano colexiado de participación, coordinación, cooperación e colaboración entre a administración e os axentes representativos do sector comercial, que segundo a devandita norma serán dúas asociacións representativas do ámbito comercial e de consumo.

 

Esta Mesa Local de Comercio está integrada polo Alcalde de Tui, que actúa como presidente da mesma, xunto a un representante da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, un representante da Asociación de Amas de Casa e Consumidores de Tui, un representante da Asociación de Comerciantes e Industriais de Tui e a concelleira de comercio en representación do Concello de Tui.

 

Para o alcalde de Tui esta Mesa Local é un nexo de unión entre o comercio de proximidade, os consumidores e a Administración, e conforma unha ferramenta de participación na vida social da nosa localidade. Lembra Moisés Rodríguez Pérez a vocación comercial da cidade, onde o pequeno comercio conforma un dos principais sectores económicos da cidade e que ven realizando un importante esforzo de dinamización non xa dos seus establecementos senón da propia vida local. A constitución desta mesa posibilitará afondar na colaboración xa existente entre os axentes sociais vinculados ao comercio e o consumo para avanzar en novas medidas de reactivación deste sector tan importante na vida tudense.

 

Engade o alcalde tudense que este sector do comercio mantén un importante volume de ocupación laboral ao tempo que exerce unha ampla función socio-económica que converte a Tui nun núcleo comercial de gran atractivo no espazo transfronteirizo.

 

Moisés Rodríguez Pérez agradece a participación tanto da Asociación de Comerciantes e Industriais de Tui como da Asociación de Amas de Casa e Consumidores nesta iniciativa que en breve prazo comezará o seu normal funcionamento.