Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Coa presentación do Poemario de Marga do Val comezan as actividades de Nadal na Biblioteca Municipal de Tui

16/12/2010

COA PRESENTACIÓN DO POEMARIO DE MARGA DO VAL COMEZAN AS ACTIVIDADES DE NADAL NA BIBLIOTECA MUNICIPAL DE TUI

 

Mércores, 15 de decembro de 2010. Mañá xoves, 16 de decembro, a Biblioteca Pública Municipal de Tui acolle a presentación do libro de poemas, recentemente publicado pola editorial Espiral Maior, da escritora tudense Marga do Val, que baixo o título de “A cidade sen roupa ao sol” ofrece un fermoso percorrido pola súa traxectoria vital e colectiva.

Neste acto de presentación participarán Miguel Anxo Fernán Vello, director da editorial Espiral Maior, Rafael Sánchez Bargiela, bibliotecario de Tui, Xosé María Álvarez Cáccamo, poeta, xunto coa autora, Marga do Val. Esta presentación dará comezo ás 20,30 horas na Sala Félix Rodríguez, no edificio Área Panorámica de Tui.

Con esta presentación a Biblioteca Municipal tudense comeza a súa programación para este Nadal que abrangue amais outras actividades dirixidas aos máis cativos:

  1. Mércores 22 ás 17,30 horas: “Contos de Nadal” coa compañía de contacontos “As Marías”.
  2. Martes 28 de decembro e 4 de xaneiro proxección de sendas películas de animación

Completa a programación navideña da Biblioteca unha nova proposta de promoción do libro e a lectura que baixo a denominación “Agasallémonos con libros” que propón a creación dun punto de intercambio de libros na propia Biblioteca. Trátase que os lectores que o desexen poden achegar un libro usado para intercambiar cos que aporten outros lectores, coa condición que veñan todos preparados como agasallo. Na entrada da Biblioteca haberá no 22 de decembro e o 4 de xaneiro unha zona habilitada para este intercambio. Este é un xeito de promover a lectura entre os usuarios da Biblioteca Municipal tudense. Trátase dunha iniciativa novidosa neste centro bibliotecario que segundo o resultado que se acade pode abordarse no futuro con carácter periódico.

Para o responsable da concelleira de cultura do Concello de Tui, Moisés Rodríguez, estas actividade de Nadal da Biblioteca Municipal ofertan novas propostas para os diversos segmentos de idades e tentan ampliar o número de usuarios des centro bibliotecario con iniciativas como o intercambio de libros entre lectores. Moisés Rodríguez Pérez salienta que a Biblioteca Municipal é xa un referente na vida social e cultural da cidade e que ao longo deste ano ten experimentado un notable incremento dos seus usuarios como se poderá comprobar no balance anual que axiña se presentará.

Marga do Val usa do apelido herdado da súa nai e da súa avoa para presentar a súa escrita creativa. Baixo o nome Marga Romero asina traballos de crítica literaria como o perfil biográfico e esencial de Lorenzo Varela editado por A Nosa Terra. Vivindo a medio camiño en Alemaña e Galicia traza un prisma rico e diverso.

Marga do Val, escribiu unha novela O prognóstico da lúa (Edicións Obradoiro- Santillana), un poemario froito das intensas relacións coa escritora portuguesa Paula de Lemos na cidade de Tréveris, escrito a catro mans, desde dúas poéticas e dúas linguas co título de Entre dunas (Espiral Maior) e unha biografía para a colección Mulleres (A Nosa Terra) Carolina Otero. Participou con poemas en antoloxías que recollían iniciativas de protesta contra a marea negra do Prestige, de diversas asociacións como a AELG ou Burla Negra. Traballou a escritura dramática con dúas obras para a Companhia Arte Livre do Brasil, dirixida por Roberto Cordovani, que foron representadas por moitos lugares de Galiza, Portugal e Espanha. As obras “La belle Otero. O corpo que fala” e “Aurora Rodríguez e a súa boneca de carne”, nunca se cansará de dicir que é o proxecto creativo máis gozoso no que participou. Recentemente ten presentado a tradución ao galego do libro da premio Nobel 2009, Herta Muller, “Randea do alento”.