Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Campamentos, campus e cursos de iniciación centran a ampla oferta deportiva e lecer deste verán en Tui

9/06/2022

Tui acollerá este verán diversas actividades deportivas e lecer promovidas polo Concello de Tui e por distintas asociacións e club deportivos do municipio que en conxunto presentan unha ampla oferta para os meses estivais.

Na presentación destas actividades o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, amosábase satisfeito pola oferta que se presenta durante os meses de xullo e agosto no municipio, ás que se sumará a apertura da piscina municipal a finais do mes de xuño.  A concelleira de Iguadade, Ana Mª Núñez, era a encargada de explicar os detalles do campamento que organiza o propio concello. Trátase do Campamento Urbano Igual É + no que se ofertan 150 prazas para nenos e nenas de 3 a 12 anos. Haberá tres quendas entre o 27 de xuño e o 30 de xullo. Será de luns a venres de 9 a 14 h con opción de aula matinal e mediodía. A inscrición está aberta até o luns 13. Toda a información e a documentación requirida pódese consultar aquí

Mentres na Aula da UNED do 27 de xuño ao 8 de xullo celebrarase o Campus Urbano Inglés no meu entorno para mocidade de 10 a 15 anos. O horario será de 10 a 18.30 h. A inscrición está aberta até o 25 de xuño podendo realizar na web do Centro Asociado da UNED en Pontevedra no apartado da aula tudense.

A ANPA do CEIP de Guillarei organiza tamén un Campamento de Verán que abarcará todo o período de vacacións escolares dende o 23 de xuño ao 7 de setembro, de luns a venres de 9 a 14, con opción de aula madruga e mediodía.  A inscrición pode realizarse até o 17 de xuño no 675 91 63 55.

En Caldelas a Asociación A Insua organiza tamén un campamento para os meses de xullo e agosto que se celebrará polas mañás de 9 a 14 h e de luns a venres.  Neste caso a inscrición pode realizarse en info@eventualive.com ou no 667 93 32 05.

Amais o Conservatorio Profesional de Música de Tui oferta do luns 27 ao 29 de xuño cursos gratuítos de Música e Movemento para nenos e nenas de 5 e 6 anos, e de Proba Instrumental para os que teñen de 7 a 10 anos. A información e a inscrición está accesible na web deste centro de ensino.

Xa no que se refire ás actividades deportivas o Club Bádminton Tui realizará adestramentos abertos a todas as persoas que desexen probar este deporte no mes de agosto os martes e xoves de 10 a 11.30 h e de 11.30 h a 13 h no pavillón do IES San Paio.

Por outra o Club Balonmán Tui realizará a actividade “Balonmán con amigos” no colexio Maristas do 27 de xuño ao 1 de xullo de luns a venres de 9 a 13 h, e do 1 ao 12 de agosto no pavillón  Gustavo Rodríguez. Trátase dunha actividade gratuíta financiada pola Secretaría Xeral para o Deporte. Pódese acadar máis información no 684 15 54 64 ou 656 764 852.

Catro serán os campus de fútbol e fútbol sala que se van realizar en Tui este verán. O Club Deportivo Caldelas organiza o VI Campus de Fútbol Sara Tui entre o 27 de xuño e o 8 de xullo dirixido a rapaces e rapazas con idades entre os 4 e os 18 anos. Desenvolverase polas mañás, de 9 a 13 h no Campo Municipal de Fútbol O Foxo de Caldelas. As persoas interesadas poden inscribirse no 680 81 13 58.

O Tyde FC realizará, entre o 18 ao 22 de xullo de luns a venres de 10 a 13.30 h, o V Campus de Fútbol Solidario do Tyde con SOS Tomiño Baixo Miño no Campo Municipal de Fútbol Álvarez Durán. Está dirixido a idades entre os 4 e os 13 anos. A inscrición pode realizarse no 616 73 92 69.

A Quinta de Tui FS amplía a duración do seu Campus de Fútbol Sala Antonio Martín “Toñín” que se celebrará entre o 4 e os 22 de xullo de luns a venres de 9 a 14.30 h nos pavillóns municipais para nenos e nenas de 4 a 15 anos. Neste caso as persoas interesadas deben dirixirse a campusfstui@gmail.com ou  ao 690 05 85 79.

O Club Deportivo Fútbol Sala Tui programación o seu Campus de Fútbol Sala nos pavillóns municipais entre o 22 de agosto e o 2 de setembro, sendo preciso inscribirse no 669 48 24 25.

O Club Kaiak Tudense ofertará de novo por quincenas os seus Cursos de Iniciación ao Piragüismo entre o 1 de xuño e o 31 de agosto os luns, mércores e venres de 11 a 13 h ou de 16.45 a 19 h para rapaces e rapazas de 8 a 14 anos. A información pode ampliarse e realizarse a inscrición en kayaktudense@kayaktudense.org ou 687 99 84 97.

O Club Remo do Miño realiza no mes de agosto Cursos de Verán de Remo con inscrición no 651 91 51 50.

Por último o Club Remo Tui levará a cabo entre o 1 de xullo ao 31 de agosto, os luns, mércores e venres de 10.30 a 13.00 h os seus Cursos de Verán de Remo. É preciso inscribirse no 648 70 58 89.                                

Consultar Actividades Tui Verán 2022