Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Biblioteca organiza unha “Tarde de Entroido” para os seus usuarios máis pequenos, o mércores 14 ás 18,00 horas

12/02/2007

A Biblioteca organiza unha “Tarde de Entroido” para os seus usuarios máis pequenos
Será este mércores 14 de febreiro ás 18,00 horas

A Biblioteca Pública Municipal tudense continúa desenvolvendo a súa oferta de actividades de animación á lectura orientada para os diversos sectores sociais.

Así mentres o martes, 13 de febreiro ás 19,30 horas, comeza a súa andaina o Club de Lectura creado na Biblioteca e dirixido a aquelas persoas que queiran compartir a lectura con outras persoas, o mércores, 14 de febreiro, as actividades están dirixidas cara aos usuarios máis novos.

Neste caso a actividade estará centrada nas festas de Entroido que nestes días disfrutamos e tenta promover nos rapaces actividades de ocio e de lecer onde a lectura sexa un elemento central.

A actividade consistirá na narración dun conto titulado “Na casa do Sol”, conto de carácter étnico e que incide no respecto as diversidades culturais. Amais entre todos os participantes procedérase á confección dun mural para decorar a zona infantil da biblioteca para os días de Entroido, e para que ninguén esqueza esta celebración festiva e de troula aos participantes pintaráselles á cara cun motivo relacionado coa temática do conto.

Este obradoiro de Entroido está dirixido aos rapaces de entre 6 e 10 anos de idades, con acceso libre. Comezará ás 18,00 horas.

Con esta nova actividade de animación da Biblioteca Municipal a Concellería de Cultura, que dirixe Moisés Rodríguez Pérez, continúa impulsando unha oferta diversificada de propostas culturais que respondan ás demandas dos diversos sectores sociais da cidade.