Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Augas de Galicia investirá 1.200.000 euros en Tui neste ano 2011

21/07/2011

AUGAS DE GALICIA INVESTIRÁ 1.200.00 EUROS EN TUI NESTE ANO 2011

O alcalde recibiu a confirmación deste investimento na xuntanza que mantivo co presidente deste organismo

Venres, 21 de xullo de 2011. O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, mantivo, hai uns días, unha xuntanza de traballo co presidente de Augas de Galicia, Francisco Menéndez, na que analizaron diversos aspectos relacionados co saneamento no municipio e o funcionamento da Estación Depuradora de Augas Residuais de Guillarei –Tui.

No decurso deste encontro o Presidente de Augas de Galicia confirmoulle ao alcalde tudense que este organismo ten previsto un investimento en Tui de aproximadamente 1.200.000 euros neste ano 2011. Concretamente existe unha partida de 600.000 para abordar as obras de conexións de diversos ramais no municipio tudense á rede pública de saneamento logrando así un vertido case integral á EDAR dos veciños de Tui.

Outro importante investimento previsto é a obra a efectuar no ámbito da Avenida da Concordia para proceder á separación da rede de pluviais, que recolle a auga da choiva, da rede de saneamento para deste xeito reducir os índices de vertido do municipio, pois en base a este índices está prevista a aplicación dunha taxa pública de gravame.

Nesta xuntanza estudaron tamén outros temas de importancia para Tui como é, especialmente, garantir un abastecemento de auga en condicións óptimas a unha zona da parroquia de Caldelas que sofre periodicamente dificultades neste subministro. Os técnicos da Xunta de Galicia están analizando as posibles alternativas para acadar unha solución a este tema, tal e como se comprometeu o alcalde tudense hai algunhas datas.

Moisés Rodríguez agradeceulle ao presidente de Augas de Galicia este importante investimento a realizar no municipio, que suporá unha importante mellora na rede de saneamento e na separación das redes de recollida de augas, separando pluviais de fecais.