Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Actividades diversas nas “Xornadas Europeas de Patrimonio” que se celebran nesta fin de semana en Tui

1/10/2010

ACTIVIDADES DIVERSAS NAS “XORNADAS EUROPEAS DE PATRIMONIO” QUE SE CELEBRAN NESTA FIN DE SEMANA EN TUI

A cidade de Tui acolle nesta fin de semana diversas actividades que conforman o programa das “Xornadas Europeas de Patrimonio”: visitas guiadas e un concerto integran o programa. O Concello de Tui celebra por cuarto ano consecutivo esta iniciativa que tenta poñer en valor o patrimonio cultural da nosa cidade inxeríndoa nas iniciativas que ao respecto existen por Europa adiante. Cómpre subliñar que o Concello de Tui é a única institución en Galicia que participa nestas Xornadas, que coordina en España o Ministerio de Cultura.
Neste ano para afondar na colaboración iniciada coa Câmara Municipal de Valença do Minho acordouse a celebración conxunta desta actividade, que en Portugal tivo lugar o pasado venres 24 de setembro baixo o lema “Património: uma carta da historia”, namentres que en España celébrase nesta primeira fin de semana de outubro escollendo lema de “El patrimonio cultural del siglo XX”.
As actividades previstas en Tui son as seguintes:

Sábado 2 ás 18,00 horas
Visita á Igrexa de San Bartolomeu de Rebordáns (conxunto arquitectónico e intervencións arqueolóxicas do século XX)
Esta igrexa conforma un dos princiais conxuntos arquitectónicos da cidade tudense, estamos diante dun templo prerrománico enclavado sobre unha anterior necropole de época romana. Neste templo tiveron lugar alguns dos principais acontecementos da historia da nosa cidade.
Sobre estes aspectos históricos e artísticos falara Avelino Bouzón Gallego, coengo arquiveiro da Catedral de Tui e párroco de Rebordáns, acreditado especialista na nosa historia. A visita abranguerá tamén as restos arqueolóxicos conservados no subsolo desta igrexa.

 

Domingo 3, ás 12,00 horas
A ruta dos Soutomaior na cidade de Tui  (unha valorización contemporánea do noso pasado). Inicio na Catedral de Tui.
A família Soutomaior tivo un papel protagonista na Baixa Idade Media galega e nomedamente no territorio tudense. Importantes persoeiros como Paio Sorreda ou Pedro Alvarez de Soutomaior “Pedro Madruga” ou os tre membros da família que chegaron á cátedra episcopal tudense deixaron unha fonda pegada na historia da cidade. Recuperar esta pasaxes do noso pasado visitando as testemuñas da súa presenza é o obxectivo desta visita guiada polo historiador Suso Vila, autor do libro “A casa de Soutomaior (1147-1532)” co que acadou o Premio de Historia Medieval de Galicia e Portugal no ano 2009.

Domingo 3, ás 19,00 h.
Concerto do grupo de metal “Faíscas” na Igrexa de San Domingos
Outro xeito de achegarse ao noso patrimonio é o que se ofrece na tarde do domingo, um concerto polo grupo de metal “Faíscas” de Tui que fará soar as súas pezas no marco da igrexa dominicana tudense, un dos espazos artísticos de mais importancia na cidade tanto pola sua arquitectura como polos seus magníficos retabulos barrocos e que gracias a esta actividade estará aberta ao público neste domingo ao abeiro da programación destas Xornadas.

Dende o ano 1991 desenvólvese a celebración destas xornadas en 49 países deste vello continente europeo, As “Xornadas Europeas de Patrimônio” foron ideadas en Granada en 1985 no decurso da 2ª Conferencia Europea de Ministros responsables do patrimonio cultural, tras a suxestión do Ministro de cultura francés que propuxo estender a experiencia de portas abertas nos monumentos que celebrábase en Francia anualmente. Dende aquela numerosos países se teñen sumado a esta iniciativa que en 1991 foi instituída oficialmente polo Consello de Europa e dende 1999 converteuse nunha acción conxunta coa Unión Europea.

Moisés Rodríguez Pérez, concelleiro de cultura tudense, convida a os veciños e visitantes a participar nas actividades destas “Xornadas Europeas de Patrimonio” que tentan sensibilizar aos cidadáns sobre a riqueza do patrimonio co que convivimos habitualmente os tudenses e que en anteriores edicións tiveron unha moi ampla participación. O concelleiro salienta tamén a felicitación recibida dende o Ministério de Cultura por esta actividade organizada conxuntamente por Valença do Minho e Tui pois é a primeira ocasión en que na Península se aborda esta actividade das “Xornadas Europeas de Patrimônio” de xeito conxunto cunha localidade doutro país, dando cumprimento a un dos obxectivos fundacionais das Xornadas: “trascender as fronteiras nacionais e reforzar o sentimiento europeo de compartir unha mesma identidade”.