Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Inauguración das exposicións da Escola Superior Gallaecia en Tui

19/01/2017

Mañá venres, 20 de xaneiro, ás 20:00 h na Sala de Exposicións Municipal da Área Panorámica, terá lugar a inauguración das exposicións que a Escola Superior Gallaecia, ESG, de Vila Nova de Cerveira presenta en Tui. Ao acto acudirán o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Patrimonio, Carmen Núñez, e a concelleira de Cultura do concello de Tui, María José González, xunto a representantes da Escola Superior Gallaecia.

O evento comezará co videomapping  “Building Reality” dos estudantes de Artes Plásticas e Multimedia da ESG xunto con Lázaro Pereira. Trátase dunha proxección dunha secuencia de imaxes e formas dinámicas acompañadas de diferentes sons co gallo de crear unha narrativa abstracta en base a creación arquitectónica.  A continuación, producirase a inauguración oficial da exposición “Tui 2020: contribucións á evolución da cidade” e “Duas toalhas de banho”.

A primeira delas segue a exposicións anteriores, de 2010 e 2013, e presentará unha selección de traballos do alumnado Arquitectura e Urbanismo da escola relativos ao tecido urbano e rehabilitación do conxunto histórico tudense. Cuestións como o trazado, creación de infraestruturas, distribución de equipamentos, dotacións no espazo público e posta en valor do patrimonio son abordadas nos diferentes proxectos.

Ademais, Raylander Mártis, estudante de Artes Plásticas e Multimedia, presenta a súa mostra “Duas toalhas de banho” que mestura vídeo e creacións artísticas co obxectivo de provocar a reflexión do espectador nunha produción vangardista.