Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui inviste máis de 50 mil euros en obras de mantemento nos centros educativos

29/12/2016

. O Concello de Tui ten investido ao longo deste ano 2016 máis de 50 mil euros de fondos propios en obras de mantemento nos diferentes centros educativos do municipios apostando así polo coidado ao longo do ano dos colexios para que estean en boas condicións pese aos moitos anos que teñen todos os edificios escolares.  Ao investimento propio hai que sumar as achegas da Deputación de Pontevedra, a través do Plan Concello, que están arestora en licitación coma a remodelación do patio do CEIP de Randufe e o novo comedor escolar para o CEIP nº2.

Unha das actuacións destacadas realizadas xa é a adecuación da antiga escola de Ponte Internacional nas Bornetas para acoller a sede do Colexio Rural Agrupado Mestra Clara Torres con actuación coma a reparación do piso e instalación de tarima flotante ou o pintado do centro. Amais executáronse obras de mantemento e reparación nas distintas aulas distribuídas polas parroquias tudenses.

Por outra parte no CEIP de Rebordáns reparáronse os canalóns, pintáronse as baixadas das escaleiras e as gradas do pavillón e reformouse o parque infantil. No pavillón do CEIP de Guillarei mellorouse a accesibilidade coa instalación dunha rampla, canalizáronse as augas pluviais e levouse a cabo o pintado das gradas. Amais nas aulas de infantil deste centro procedeuse á limpeza do muro de peche e arranxos interiores, mellorouse tamén a accesibilidade e instalouse un tobogán no patio infantil.  En Caldelas procedeuse ao pintado das gradas e protección do chan do pavillón e reparáronse os canalóns do colexio, unha actuación de tamén se levou a cabo no CEIP de Randufe.  En Pazos de Reis rematan estes días o pintado do ximnasio e doutras estancias, e mellorouse o espazo de xogo dos cativos coa colocación dunha casiña de xogos e o arranxo do areeiro entre outras actuacións.

No centro urbano no CEIP nº1 pintáronse algunhas aulas e remodelouse un corredor, e arranxouse o firme para a apertura dun portal, mentres que no CEIP nº2 vernizouse o chan do pavillón, e pintáronse algunhas aulas e arranxáronse os corredores.

Por último remodeláronse os baños da planta baixa do Conservatorio Profesional de Música mellorando amplamente as súas condicións, quedando pendente o arranxo da planta superior.

A concelleira de Cultura explicou que dende o Concello poñen todo o seu empeño por ir mellorando as condicións dos centros educativos ano a anos, ao tempo que agradeceu aos equipos directivos a súa colaboración e comprensión.