Na morte de Xosé Luis Méndez, "Lis"
Na obra de “Lis” color e a luz se converten en absolutos protagonistas e na súa mistura xorden as formas e obxectos, creando ao longo dos anos un estilo propio, unha xeito de composición moi propio que singulariza a súa producción. O seu interese pola composición, creada sobre a base do dominio do debuxo e dunha sabia combinación de cores, luces e apuntes de figuración creada a partires de liñas que definen as masas cromáticas era un tema recorrente nas súas conversas.
Como sinala o critico Silvestre Gómez, “A pintura de Lis é unha sinfonia e unha regueifa de cores e liñas fuxidías, metáfora de imposibles pentagramas que mostra a consolidación dun estilo persoal (...) que procura novas formas expresivas para sorprenderse e sorprendernos”.
Pero como autor, en boa medida autodidacta, tamén traballou noutros ámbitos artísticos, como foi o cartelismo –ao longo de varios anos foi autor, por exemplo, do cartel anunciador das festas de San Telmo- e compartiu labor con escultores do Baixo Miño, como é o caso de Antúnez Pousa. Esta polivalencia foi enriquecedora para a súa producción artística.
Perde Tui un singular artista que nos ten enriquecido coa súa aportación onde as cores, nas súas últimas series retratando músicos, son o elemento substancial do seu particular estilo. Posiblemente o máis esencial da achega artística de Lis sexa o seu peculiar estilo, certamente único, que identifica á súa obra, froito dunha alongada traxectoria de traballo e aprendizaxe.
Coas nosas condolencias para os familiares e amigos, sirva este post de sinxela lembranza á figura de Xosé Luis Méndez, “Lis”.