Presentación do proxecto REPOBLAR mañá martes no antigo Convento de Santo Domingo
Presentación do proxecto REPOBLAR mañá martes no antigo Convento de Santo Domingo
Luns, 15 de novembro de 2010. Mañá martes, 16 de novembro, ás 20.30h a Deputación de Pontevedra presentará no antigo convento de Santo Domingo en Tui o proxecto Repoblar, Rede Pontevedra Banda Larga Rural, para a comarca do Baixo Miño.
O acto contará coa presenza do Presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e dos Alcaldes de Tui, Antonio Fernández Rocha, da Guarda, Jose Manuel Domínguez Freitas, do Rosal, Jesús Mª Fernández Portela, e de Oia, Alejandro Rodríguez, e da Alcaldesa de Tomiño, Sandra González.
O acto comezará coa proxección dun vídeo sobre o proxecto, seguido da benvida do Alcalde de Tui e da intervención do Presidente da Deputación. Por último haberá unha exposición técnica sobre a Rede Pontevedra Banda Larga Rural.
O proxecto Repoblar, Rede Pontevedra Banda Larga Rural, é unha iniciativa da Deputación de Pontevedra que traerá ata a comarca a posibilidade de acceso a internet de banda ancha co prezo máis baixo de España: 17 € ó mes.
Neste proxecto a Deputación de Pontevedra, xunto coa Unión Europea e en estreita colaboración coa Xunta de Galicia, investiu máis de 7,5 millóns de euros, e permitirá que, a través da marca tngo do operador Iberbanda, os pontevedreses, vivan onde vivan, teñan os mesmos servizos e as mesmas oportunidades de acceso á sociedade da información. De feito, grazas a Repoblar, xa é posible que o 96% da poboación da provincia de Pontevedra poida acceder a internet a través dunha conexión de banda ancha.