Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui conmemora os Xogos Florais de Galicia cunha homenaxe á escritora Francisca Herrera

24/06/2025

Será este xoves 26, ás 20 h na praza do Pracer

Este xoves, 26 de xuño, ás 20 h na praza do Pracer o concello de Tui renderá unha homenaxe á escritora galega Francisca Herrera Garrido (A Coruña, 1869-1950), a primeira muller en publicar unha novela en lingua galega e tamén a primeira muller en pertencer á Real Academia Galega dende 1945.

Este recoñecemento forma parte dos actos que o Concello de Tui promove en conmemoración do aniversario dos Xogos Florais de Galicia, primeiro acto público celebrado integramente en lingua galega na etapa contemporánea que tiveron lugar no Teatro Principal tudense entre o 24 e o 26 de xuño de 1891.

Francisca Herrera pasou longas temporadas en Tui visitando a súa irmá María, casada con Pedro Areal, xeneral de Cabalería e fillo do avogado e político tudense Esteban Area, na casa da familia Areal na rúa Pracer, no cerne do conxunto histórico de Tui. Agora o seu sobriño neto, José Leoncio Areal, ten editado a obra en galego de Francisca Herrera, un traballo realizado pola catedrática emérita da Universidade de Vigo, Camiño Noia.

A homenaxe deste xoves contará coa presentación do libro “Obra en galego de Francisca Herrera” a cargo da profesora Camiño Noia e o editor José Leoncio Areal, que estarán acompañados pola música de alumnado do Conservatorio Municipal de Música de Tui.  Seguidamente procederase ao descubrimento dunha placa conmemorativa de Francisco Herrera na casa familia Areal na rúa do Pracer.

Para a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente Solla, este acto de lembranza e recoñecemento á figura de Francisca Herrera contribuirá á divulgación da obra desta egrexia escritora galega e recuperará para a nosa cidade a memoria da súa presenza en Tui en numerosos períodos da súa vida.

Xogos Florais de Galicia, Tui 1891

Estes actos rememoran a celebración na nosa cidade do 24 ao 26 de xuño de 1891 dos Xogos Florais de Galicia, primeiro acto público realizado integramente na nosa lingua, e que organizados pola Asemblea Rexionalista Galega, premiaban composicións en galego e castelán de diversos xéneros, como no caso tudense, a poesía. O primeiro presidente da institución, Manuel Murguía, converteríase aquel día no primeiro intelectual en dirixirse ao público en galego, lendo un discurso que constitúe un compendio do seu pensamento historicista e reivindicador, sinalando que o principal obxectivo era "o renacemento dunha nacionalidade case morta e esquecida por medio da literatura, das tradicións e da historia".

Na cidade de Tui unha Xunta Rexionalista, integrada por Manuel Fernández de Herva, como presidente,  xunto a Eduardo Caballero Canals, o cóengo Antonino Cerviño González, Juan Areses Alonso, o tamén cóengo Manuel Lago González, Juan Álvarez Cardero, Indalecio Rodríguez de Córdoba, Justo Salvador Fortes, Leoncio Comesaña González, Vicente García Rivera e Martín Díaz Spuch, organizaron, como representantes do Consistorio dos Xogos, un amplo programa que supuxo incluso o traslado das festas patronais de San Telmo. Do amplo programa desenvolvido salienta o propio acto dos Xogos, xunto a un concurso de gaiteiros, un banquete "rexionalista" -que lembraremos neste ano 2024- ou a función solemne de San Telmo na Catedral tudense coa actuación da orquestra catedralicia dirixida polo mestre Manuel Martínez Posse. Destacan no programa destes Xogos ás intervencións de Manuel Murguía, Salvador Cabeza de León ou Alfredo Brañas pero tamén as achegas tudenses: o discurso de Manuel Lago, como voceiro da Xunta Rexionalista de Tui, no acto celebrado no Teatro Principal e titulado “Gabanza da lingua galega” así como o chamado “sermón rexionalista” pronunciado polo cóengo tudense Antonino Cerviño na catedral de Tui.