Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Sinalización cidade histórica

Pór en valor a cidade histórica de Tui, sinalizar os distintos monumentos e edificios destacados, e servir de indicación para acceder aos puntos de interese son tres dos obxectivos da nova sinalización instalada no conxunto histórico polo Concello de Tui cunha achega do 42% do importe total pola Axencia de Turismo de Galicia.

Características da sinalización

Instaláronse tres tipos de elementos: sinais interpretativos, sinais direccionais e sinais identificativos. En función do lugar onde foron colocados optouse por un panel vertical, unha placa ou un sinal urbano.  Os sinais interpretativos, que recollen unha descrición histórica e información direccional de recursos, están situadas na Porta da Pía, ou na rúa Sanz, punto de paso do Camiño de Santiago. Mentres os sinais direccionais recollen a dirección e o tempo aproximado ao que se sitúa un recurso turístico, coma pode ser a Catedral, o Albergue de Peregrinos ou a Oficina Municipal de Turismo. O terceiro tipo de sinal, os identificativos, ofrecen unha descrición histórica do monumento ou emprazamento, ampliable a través da plataforma dixital. A Catedral de Santa María, o Convento das Clarisas, as igrexas de San Domingos, San Bartolomeu ou San Francisco, a muralla medieval, o palco da música, os xardíns de Troncoso, ou as prazas de Fromista, da Armada, ou da Estrela son so unha parte dos elementos sinalados.

Os sinais constan dunha placa metálica lacada ao forno co texto troquelado e baleirado na mesma placa. A rotulación da información realizouse en vinilo de alta calidade ofrecéndose en tres idiomas – galego, castelán e inglés – e incorporando o símbolo NFC e un código QR, que a través dos teléfonos móbiles intelixentes, permite o acceso á plataforma dixital para ampliar a información.

Amais da sinalización física púxose en marcha unha plataforma dixital, turismotui.mobi, á que dan acceso tanto o NFC  coma os códigos QR instalados na sinalización, onde se amplía a información sobre cada recurso con novos textos, fotografías, audioguías e vídeos, así coma localizándoos no mapa. Deste xeito ao través da plataforma é doado realizar unha visita guiada da cidade histórica de Tui seguindo esta información cun teléfono móbil intelixente. Esta plataforma permite tamén ir ampliando a información existente tanto en textos coma en imaxes, vídeos ou sons, e a creación de novos recursos non incorporados neste momento.

 

Áreas: 
Patrimonio e Conxunto Histórico