Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A zona de cero de Paramos poderá estar libre de entullo en primavera de aprobarse por vía de emerxencia a execución dos traballos

21/12/2018

O proxecto reformado, que ascende a 1.091.00€, será levado ao pleno ordinario do día 27 para a súa adxudicación

Esta mañá presentouse en rolda de prensa o proxecto reformado de desentullo da zona de Paramos que abranguerá unha superficie de 25 mil metros cadrados e ten un orzamento de 1.091.665,44€.

O alcalde, Carlos Vázquez Padín, expuxo os pormenores do documento xunto ao redactor do proxecto, Francisco Valle, o arquitecto municipal, Pablo Rivas, e o concelleiro de seguridade, Antonio Castro.

O rexedor tudense explicou na súa intervención que, ante o desleixo do goberno central, o Concello non pode deixar no desamparo aos veciños de Paramos, tras catro meses da declaración de zona gravemente afectada por unha emerxencia de protección civil, e cando ten sido imposible, despois de múltiples intentos, obter da subdelegación do goberno ou do Ministerio tan sequera un indicio claro de que se estaba traballando, por parte do goberno central, para poder avanzar no desentullo.

Engadiu que tras o acordo plenario do pasado mes de novembro para que o Concello asumira o desentullo por vía de emerxencia, solicitou os informes pertinentes a secretaría e intervención, que os emitiron con carácter desfavorable, pero deixando aberta a posibilidade de que se un técnico municipal informase sobre a grave perigosidade da situación podería ter cabida a vía de emerxencia.  Explicou tamén que o Concello é a única das catro administracións – Estado, Xunta, Deputación e Concello – que non pode optar pola encomenda de xestión para realizar o desentullo, sendo a única opción facer unha adxudicación directa vía de emerxencia.

O arquitecto municipal, Pablo Rivas, explicou ante os medios que no seu informe sinala que “representa un perigo inminente” a presenza de amianto no entullo que hai na zona, a situación de inestabilidade de tres segundas plantas con risco de desplome, e a situación dos muros que dan aos viarios públicos. Mentres Francisco Valle, autor do proxecto, explicou que nesta reforma do documento se está falar dunha terceira parte do importe do proxecto inicial, presentado en setembro, que ascendía a tres millóns de euros. Precisaba que se contempla a clasificación do entullo para ser tratado por unha empresa clasificadora, a actuación nas segundas plantas con risco, e nos muros cara aos viais municipais.  Nese senso o alcalde, Carlos Vázquez Padín, apuntou que o proxecto inicial era “de máximos”, xa que incluía a reconstrución dos muros, a substitución dos de formigón por pedra país, entre outras actuacións.

Afirmou amais Carlos Vázquez Padín que “este proxecto desbloqueará a reconstrución das casas” sinalando que “con esta operación volvemos arrancar” para que todo poida volver á normalidade. Porén recoñecía que quedan algúns flecos nos que teñen que seguir traballando.  Tamén de cara á reconstrución quixo destacar a importancia da Disposición Adicional da Lei do Solo aprobada pola Xunta, tras solicitalo o Concello, que entrará en vigor en xaneiro e que posibilitará a reconstrución das casas que estaban fóra de ordenación.

O alcalde, Carlos Vázquez Padín, informou amais que ao pleno ordinario da corporación municipal, que se celebrará o próximo xoves, 27 de decembro, levarase a aprobación da vía de emerxencia para a execución do desentullo, a adxudicación da obra, habilitar o crédito preciso e solicitar ao goberno central que asuma o importe do desentullo. Tamén quixo precisar que aínda que a obra podería ser adxudicada polo alcalde directamente, entende que “ao tratarse do maior gasto da historia de Tui os cidadáns teñen que ter a garantía de que se axustou ao máximo”.  Precisamente hoxe recibiron xa no concello seis orzamentos, de seis das nove empresas as que solicitaron oferta para realizar o desentullo, que agora serán estudados.  De aprobarse en pleno o próximo día 27, tramitaranse os permisos precisos, coma a solicitude ao ISSGA para  a retirada do amianto, e os traballos poderían comezar na primeira quincena de xaneiro.  O prazo de execución é de dous meses polo que o rexedor tudense calcula que a 1 de abril podería comezar xa a reconstrución das casas. Nese senso apuntou que o equipo urbanístico de Paramos entre xaneiro e febreiro terá informadas as solicitudes de licenzas presentadas, para que así poidan comezar as obras de seguido.