Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A XXIII Feira do Libro Galego celebrarase este domingo 22 de maio

16/05/2022

Debido á previsión de choiva para mañá martes foron adiadas as actividades para o domingo

Debido á previsión de choiva para mañá martes, 17 de maio, Día das Letras Galegas, as actividades previstas para celebrar esta data aprázanse para este domingo 22 de maio.

Así o domingo terá lugar a XXIII Feira do Libro Galego no Paseo da Corredoira coa participación das librarías tudenses, Espazo Lector Nobel e Iris, que volverán saír á rúa con once postos nos que presentarán as novidades editoriais en lingua galega.

A concellería de Cultura, que dirixe Sonsoles Vicente. promove para esta xornada un amplo programa de actividades para a dinamización cultural e para a promoción do uso da lingua galega entre a cidadanía. Estas actividades está integradas na programación cultural “Tui en letras” que ao longo de maio e xuño promove o Concello de Tui coa colaboración da Deputación de Pontevedra.

Así a XXIII Feira do Libro Galego será inaugurada ás 11.30 horas pola escritora Sonia Mirón, autora de novelas especialmente dirixidas ao público xuvenil, licenciada en Filoloxía Hispánica, profesora de lingua e literatura no ensino medio e titora da Uned, colaboradora como columnista na prensa e autora de reportaxes en diversos medios de comunicación.

Ás 12.30 h Magín Blanco presenta “Caderno de cores e cancións” unha proposta musical para público familiar nun percorrido pola creación musical e literaria das cancións. Partindo do legado dos trobadores e vencellado ás cores, o xogo axudará a descubrir un universo que nos permita comunicarnos xogando con elementos sinxelos como son as melodías, as harmonías e a musicalidade poética das rimas.

Continua a programación de actividades ás 18.30 h cunha actividade dirixida especialmente ao público familiar con Bea Campos que porá en escena a obra “Os tres porquiños”, espectáculo teatral para os máis pequenos e pequenas con monicreques, teatro, xogos tradicionais e música en directo.

Ao longo da xornada diversos autores asinarán ás súas obras: Sonia Mirón (ás 12.00 h), Ernesto Iglesias Almeida (ás 12.30 h), Francisco Álvarez “Koki” (ás 1930 h).

Para Sonsoles Vicente, concelleira de Cultura, a celebración desta nova edición da feira do libro tras o parón derivado da pandemia, é una fermosa oportunidade para celebrar o Día das Letras Galegas cunha proposta de actividades que arredor da nosa lingua e a nosa cultura ofrece o Concello de Tui dirixidas a todas as idades.

XXIII Feira do Libro Galego 

Domingo, 22 de maio, no Paseo da Corredoira

11 postos das librarías Espazo Lector Nobel e Iris

  • Ás 11.30 h Inauguración e pregón coa escritora Sonia Mirón
  • Ás 12.00 h sinatura de libros por Sonia Mirón
  • Ás 12.30 h “Caderno de cores e cancións” con Magín Blanco
  • Ás 12.30 h Sinatura de libros por Ernesto Iglesias Almeida
  • Ás 18.30 h "Os tres porquiños" con Bea Campos
  • Ás 19.30 h Sinatura de libros por Francisco Álvarez Koki