Xulio M. Sigüenza presenta a exposición “Reflexións coa voz tapada” na Sala Municipal de Tui
Inaugúrase mañá venres 15 de maio ás 19h. Poderá visitarse até o 30 de xuño
Mañá venres, 15 de maio, ás 19 h, inaugúrase a exposición “Reflexións coa voz tapada” Xulio M. Sigüenza. A mostra poderá visitarse na Sala Municipal do Edificio Francisco Sánchez de Tui até o 30 de maio.
A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade do Concello de Tui sinala que exposición destaca pola súa orixinalidade e a súa capacidade para promover no espectador a reflexión sobre as nosas actividades e actitudes cotiás. Engade que novamente Xulio M. Sigüenza presenta a súa obra na Sala Municipal de Exposicións de Tui para ofrecernos estas instalacións a camiño entre a figuración e o concepto, a arte e o pensamento.
En “Reflexións coa voz tapada” Xulio M. Sigüenza convídanos unha vez máis, dende a súa particular visión irónica, artística e filosófica e a través de peculiares instalacións e expresións de arte conceptual, á reflexión e a avivar o pensamento crítico. Nesta ocasión , faino da man de Étienne de la Boétie, quen alá polo século XVI, xa advertía sobre “o perigo da servidume voluntaria, esa tendencia á obediencia cega á que o ser humano con frecuencia se autosomete en sociedade, movido por unha persistente e insensata tendencia a renunciar á súa cualidade más valiosa e intrínseca como homo sapiens: o sentido crítico” tal e coma recolle no catálogo da mostra Ana Beatriz Rodríguez Sánchez.
A exposición “Reflexións coa voz tapada” poderá visitarse de luns a venres de 9 a 14 h e de 15.30 a 20.30 h e os sábados de 9 a 13 h ata o 30 de xuño.





