Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Xornada festiva co río Miño coma protagonista mañá sábado en Tui

14/08/2026

Romaría Popular, Descenso Popular do Miño, e Festa Gastronómica ofrecerán máis de 12 horas de actividade con comida, piragüismo, animación e música

O río Miño marca a identidade de Tui, a súa paisaxe, e as súas xente e tamén as súas festas. Mañá sábado o Miño é protagonista coa súa festa na que piragüismo, gastronomía e música se suceden ao longo de doce horas en escenarios coma a ribeira de Caldelas, o propio río, a praia de Areeiros, a rúa Olímpicos Tudense, e a rúa Compostela.

A proposta festiva comeza ás 12 h na ribeira de Caldelas, coa Romaría Popular organizada polo Club Kaiak Tudense e na que este ano as elaboracións gastronómicas serán realizadas pola asociación cultural A Insua.    Un dj da empresa XQuatro será o encargado de por a banda sonora ao mediodía neste entorno natural, no que os nenos e nenas poderán gozar dun inchable de auga.  Centos de persoas daranse cita na ribeira para xantar, e gran parte delas participarán dende as 16.30 h no Descenso Popular do Miño que conta nesta edición con 450 persoas inscritas de todas as idades.  Así o río volverá encherse de cor, de bo humor, e de diversión cunha proba que abre unha semana co piragüismo coma protagonista, xa que o sábado 22 se celebrará o Descenso Internacional do Miño, cuxa inscrición está aberta até este domingo 16.

Para facilitar o desprazamento das persoas participantes haberá autobuses lanzadeira dende a rúa Tenencia, a carón do Parador, na que estará prohibido o estacionamento o sábado dende ás 8 h para facilitar o bo desenvolvemento do Descenso Popular.  Os dorsais poderán recollerse mañá venres de 17 a 20 h nas instalacións do Club Kaiak Tudense ou o sábado dende ás 12 h na ribeira de Caldelas.

Os e as padexeiros realizarán un percorrido non competitivo e festivo de 7 quilómetros dende Caldelas até a rúa Olímpicos Tudense, con paradas ao longo do río ou na praia de Areeiros para darse un chapuzón.

A festa continuará a partir das 20 h na rúa Compostela coa festa gastronómica da Festa do Miño baixo a organización do Concello de Tui. Dez son os colectivos tudenses van ofertar unha ampla proposta gastronómica na que non faltará a tortilla, a empanada, bocadillos variados, croquetas, tartas variadas, ou filloas entre outras moitas elaboracións. Poderanse degustar nos postos da Asociación Cultural Cristo da Agonía de Baldráns, a Banda de Gaitas Guillarei de Guillarei, a Asociación Cultural Laxes de Paramos, a Asociación O Mosteiro de Pesegueiro, a Asociación de Riomuíños, a Asociación de San Bartolomeu, a Asociación Cultural Seixos Albos de Areas, a Asociación do Traxe Tradicional, a Comisión Virxe das Dores de Guillarei e a Asociación Cultural Xuntanza de Randufe con prezos que oscilan entre 1 e 4€.

A charanga tudense A Tu Ritmo será a encargada de abrir as actuacións musicais da tarde cun percorrido ao longo da rúa Compostela dende as 20 h. Xa ás 21.30 h ao abeiro do programa +Música da Deputación, contarase coa Fanfarria Taquikardia, gañadores dos XII Premios Martín Codax da Música. Este grupo de referencia na festa galega. promete unha viaxe sonora polas músicas do centro e leste de Europa pero sen perder a súa impronta galega.   Ás 23 h, tamén ao abeiro de +Música, será a quenda de Mekanika Rolling Band cun espectáculo que desprende enerxía, no que combinan a música en directo cos efectos visuais chocantes. Rock and roll, ska e reggae con moito aire de festa centran o seu repertorio.

Debido á celebración da Festa do Miño dende mañá venres ás 8 h e até o domingo ás 8 h non se poderá nin circulación nin estacionar na rúa Compostela, no tramo entre as rúas Ourense e Betanzos, e dende o sábado ás 8 h até o domingo ás 8 h na rúa Mondoñedo, no tramo entre as rúas Lugo e Irmáns Maristas.

Tui agarda a centos de persoas este sábado participando nas distintas actividades da Festa do Miño.