Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Xoel López actúa en Tui no marco dos concertos do Xacobeo

5/08/2022

Será ás 22.00 da noite con entrada libre e totalmente gratuita. O cantante de indie-pop será un dos pratos fortes do verán

Tui. Venres, 05 de agosto de 2022.   

O músico galego de indie-pop, Xoel López, será un dos pratos fortes do verán cultural en Tui. O próximo luns 8 de agosto terá lugar o seu concerto dentro do marco de concertos do Xacobeo, e será ás 22.00 da noite no recinto feiral, antiga Cam-Fran, e a entrada será totalmente libre e gratuita.

Xoel López, inmerso na xira do seu último traballo Si mi rayo te alcanzara, deleitará ó público tudense e visitantes cos seus sons que van dende o brit-pop e o rock, herdados da época na que tiña a banda Deluxe, ata influencias da música suramericana, as baladas e a música tradicional galega. O artista coruñés eríxese, deste xeito, como un dos artistas máis completos e coñecidos da música iberoamericana con máis de 20 anos de traxectoria.

Este concerto enmárcase nunha axenda de verán plagada de ofertas musicais, culturais e deportivas na cidade, e está organizado no marco dos Concertos do Xacobeo 22, en colaboración co concello de Tui.