Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A XI Noite Internacional do Miño presenta o folclore de Hungría, Indonesia, Francia e Chipre

24/07/2010

Celébrase o martes, 27 de xullo, ás 21.30h no Parque do Laxal en Rebordáns

A XI Noite Internacional do Miño presenta o folclore de Hungría, Indonesia, Francia e Chipre

Está organizada pola Escola de Baile e Gaitas “San Fins”

 

Venres, 23 de xullo de 2010. O próximo martes, 27 de xullo, ás 21.30h no Parque do Laxal en Rebordáns terá lugar a décimo primeira edición da Noite Internacional do Miño organizada pola Escola de Baile e Gaitas “San Fins” de Rebordáns.

 

Este evento reúne anualmente a grupos folclóricos de distintos países e continentes presentando un espectáculo único cheo de cor e sons. Nesta ocasión van participar nesta Noite Internacional os grupos Bodrog Folk Dance Group de Hungría, o Klub Tari Peminatan de Indonesia, o Camarguais Cordon de Francia e o Özgür Adimlar Culture and Association de Chipre.

 

Estes grupos pese as características concretas do seu folclore comparten a súa preocupación pola preservación e mantemento da cultura tradicional. Todos eles actúan en festivais internacionais onde exhiben as peculiaridades da súa música e do seu baile. Este martes, no Parque do Laxal en Rebordáns, teremos a oportunidade de disfrutar en director do seu son e as súas danzas, nun espectáculo que ano a ano conta con maior respaldo de público que ateiga completamente o lugar onde se celebra esta Noite Internacional do Miño.

 

Na organización desta actividades a Escola de Baile e Gaitas “San Fins” de Rebordáns conta coa colaboración da Concellería de Cultura de Tui.

 

 

XI Noite Internacional do Miño

-       Martes, 27 de xullo, ás 21.30h

-       No Parque do Laxal en Rebordáns

-       Con grupos de Hungría, Indonesia, Francia e Chipre