Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Xardinería e Cociña Tradicional Galega son os dous cursos Actívate que se impartirán en Tui

17/07/2014

Xoves, 17 de xullo de 2014. Dous son os cursos que se van impartir en Tui ao abeiro do Programa Actívate promovido pola Deputación de Pontevedra. Os cursos a impartir en Tui serán de "Xardinería" e "Cociña tradicional galega" dirixidos  a mozos de entre 16 a 35 anos preferentemente desempregados empadroados en Tui. De quedar prazas vacantes poderán acceder persoas en activo do concello de Tui, persoas desempregadas doutros concellos, persoas en activo doutros concellos e por último aqueles que non cumpran co requisito de idade.

Os interesados en realizar algunha destas accións formativas deben presentar, ata o venres 22 de agosto, a correspondente solicitude no rexistro xeral de entrada do Concello de Tui xunto á fotocopia do DNI e fotocopia da tarxeta de demandante de emprego de ser o caso. O modelo de solicitude pódese descargar da web http://www.concellotui.org/ ou recoller nos Servizos Sociais Comunitario no Concello de Tui.

O obxectivo principal do Programa Actívate é desenvolver actividades formativas de ocio e tempo libre que sexan de interese e que respondan ás demandas dos mozos da provincia, potenciando movementos de participación e cooperación social, mellorando a súa formación básica, e promovendo espazos de encontro e intercambio de experiencias.