Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Xa esta accesible a Biblioteca Virtual Francisco Sánchez dende a páxina web do Concello

28/03/2012

Foi presentada o pasado venres pola Fundación Ignacio Larramendi

 

O venres pasado, 23 de marzo, no Salón de Plenos da Casa do Concello de Tui foi presentada a “Biblioteca Virtual de Francisco Sánchez”, o egrexio médico e filósofo tudense do século XVI, que foi producida pola Fundación Ignacio Larramendi co apoio da fundación Mapfre e a colaboración do Concello de Tui. Dende onte xa está dispoñible o seu acceso dende a páxina web do Concello de Tui.

 

Este acto contou con numeroso público que enchía o Salón de Plenos da casa do Concello tudense e no que participaron tamén os membros dos Consellos Territoriais de Mapfre da zona Madrid e da zona Noroeste que mantiveron un encontro de traballo ao longo de tres días na nosa cidade.

 

Abriu o acto o Alcalde, Moisés Rodríguez Pérez, sinalando a satisfacción por ver culminado un vello proxecto que pretende poñer en valor a este singular tudense, pois os valores da nosa cidade non se cinguen unicamente aos seus recursos patrimoniais senón que ao longo da historia numerosos tudense teñen realizado achegas significativas á cultura,  certamente a de Francisco Sánchez é unha das mais relevantes figuras ao longo dos séculos.

 

De seguido o presidente da Fundación Mapfre, Alberto Manzano Martos, amosou o interese da iniciativa de creación desta Biblioteca Virtual de Francisco Sánchez o que xustifica o apoio desta institución a este proxecto.

 

A continuación Luis Hernando de Larramendi, na súa condición de Vicepresidente Executivo da Fundación Ignacio Larramendi expresou a súa alegría por este acto que completa unha vella aspiración da Fundación Larramendi de acoller a Francisco Sánchez á súa colección de polígrafos españois e iberoamericanos.

 

Finalmente o responsable directo deste proxector, Xavier Agenjo Bullón, explicou detalladamente o encadramento de Francisco Sánchez na filosofía do escepticismo e as características técnicas desta biblioteca virtual que pola súa novidosa concepción ten sido asumida como exemplo por Europeana, a biblioteca virtual que promove a Unión Europea.

 

A edición desta Biblioteca Virtual de Francisco Sánchez que recolle as súas obras e numerosos documentos arredor da súa traxectoria permiten a divulgación do pensamento sancheciano, que cada día posúe maior interese, e o coñecemento xeral da súa vida e obra.

 

Pódese consultar esta biblioteca virtual na páxina web da Fundación Ignacio Larramendi e existe un acceso, como xa foi referido, páxina web do Concello de Tui.